Covid: Máis de 7.560 casos activos após ao abeirar os 800 contaxios nunha xornada

Sanitarias nun centro de vacinación da Covid en Portugal. (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA / DPA)
As autoridades sanitarias detectaron nas últimas 24 horas 798 contaxios máis con respecto ao día anterior. Aliás, hai 205 pacientes ingresados na rede hospitalaria galega e a pandemia xa provocou 2.677 vítimas no país.

O número de contaxios nesta sexta onda da Covid-19 continúa disparado na Galiza e os casos activos xa superan por moito os 7.500. Así o informaron na mañá deste sábado fontes da dirección xeral de Saúde Pública, cuxas estatísticas recollidas a última hora da tarde desta sexta feira revelan que en tan só 24 horas foron confirmados 798 contaxios máis.

Malia que desde a Consellaría de Sanidade fornecen unhas cifras que falan dalgunhas altas de persoas que estaban infectadas, o certo é que houbo moitos máis contaxios polo que os casos activos están en 7.561 (525 más que esta sexta feira).

Porén, o dato de contaxios reais nunha soa xornada é de 798, tendo en conta que superaron a enfermidade outras 273 galegas e galegos.

Por áreas sanitarias

No que respecta aos casos que siguen activos, Saúde Pública concretou que 1.053 (+86) pertencen á area sanitaria da Coruña, 619 (32 a maiores) á de Lugo e 1.926 á de Ourense, é dicir, 113 máis que o día anterior.

Así mesmo, 866 (cun incremento de 73 persoas) están sendo controlados na demarcación de Pontevedra e 2.181 (+148) na de Vigo, que ten agora mesmo os números máis preocupantes.

Na zona que abrangue Compostela e o Barbanza hai 573 infeccións (outras 48 en relación a esta sexta feira) por coronavirus, mentres que no caso de Ferrol son 343 (25+) os positivos que aínda non curaron.

Así, as peores evolucións nesta última xornada da que se teñen rexistros foron as notificadas tanto desde a área sanitaria viguesa, como desde a ourensá.

En hospitais

Respecto ás e aos pacientes que tiveron que ser trasladados a centros hospitalarios, 169 (+8) permanecen en distintas unidades sanitarias mentres que 36 doentes están a ser atendidas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI). Este último número permanece igual que onte.

Até o de agora superaron a Covid-19 182.835 galegas e galegos (273 máis que un día antes) e outros 2.677 faleceron polas complicacións da enfermidade.

Segundo a Xunta, o número de probas PCR practicadas supera os tres millóns (3.029.560) e, en plena campaña de reforzo da vacina para as persoas maiores de 60 anos) xa se inocularon 6.057.341 doses.

Nesta situación, seguen vixentes diversas medidas para intentar frear o avance da nova onda do virus.