Covid: Galiza inicia xuño con descensos en hospitalizados, casos activos e contaxios rexistrados

Punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).
Décima xornada consecutiva de baixada nos casos activos.

Galiza inicia o mes de xuño cun alivio da presión hospitalaria ao baixar a 109 os pacientes Covid ingresados, 16 menos que a xornada anterior, e con tendencia descendente dos casos activos, que se reducen a 2.208, mentres que os novos contaxios mantéñense por baixo do centenar, en 90.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, os pacientes Covid en UCI no conxunto de Galiza descenderon a 25, seis menos, e os que permanecen noutras unidades de hospitalización a 84, dez menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en todas agás nas de Ferrol e Santiago e Barbanza. 

Os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente por décima xornada consecutiva e redúcense a 2.208, que supoñen 54 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (142) que novos contaxios (90), ao que se engaden dous falecementos.

As infeccións activas baixan en cinco das sete áreas sanitarias: A Coruña e Cee (-35); Santiago e Barbanza (-14); Pontevedra e O Salnés (-8); Ourense (-6) e Vigo (-3); mentres que soben lixeiramente nas de Ferrol (+3) e Lugo (+9).

En canto aos novos contaxios, continúan por baixo do centenar,con 90, despois de iniciar esta semana con 76, polo que son 14 máis.

Ademais, na Galiza foron confirmados 94 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos publicados por Sanidade, deles 23 na área de Vigo; 20 na de Lugo; 14 na de Ourense; outros 14 na de Santiago e Barbanza; 13 na da Coruña e Cee; sete na de Pontevedra e O Salnés; e tres na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade mantense nun 2% ao descender lixeiramente ao 2,27% tras iniciar a semana cun 2,45%. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. 

As persoas falecidas desde o comezo da pandemia diagnosticadas con Covid-19 ascenden a 2.419 persoas, ao notificar a Consellería de Sanidade dous novos óbitos.