Covid na Galiza: Os datos corroboran que se achega a fin da sexta onda

Primeiras horas na Coruña tras a fin das restricións horarias á medianoite da sexta feira ao sábado. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A caída dos casos activos, contaxios diarios e presión hospitalaria corrobora o ritmo descendente da Covid na Galiza, e abre a porta ao final da sexta onda da pandemia.

A Galiza ratifica o lento descenso do impacto da Covid-19, ao rexistrarse unha redución dos principais indicadores sobre a evolución da doenza. O reporte da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade do sábado sinala que hai neste intre 46.026 casos activos, arredor de 3.000 menos que na xornada anterior.

É o primeiro reporte de Sanidade após a fin das restricións horarias na hostalaría e o lecer nocturno na medianoite da sexta feira ao sábado.

Nos contaxios diarios a baixada foi de 800 infeccións, até 2.879 novos casos foron recollidas no informe que Sanidade elabora con datos que van desde as 18 horas da quinta feira á mesma hora da sexta feira.

A área sanitaria de Vigo, con 659, a da Coruña, con 533, e a de Compostela, con 523, concentran a maioría dos novos casos no país.

Tamén diminúe a presión hospitalaria, nunha xornada na que se atopan 632 persoas ingresadas con SARS-CoV-2, 37 menos que 24 horas antes, con 47 pacientes sendo atendidos en Unidades de Coidados Intensivos e 585 en unidades de hospitalización.

Cinco das sete áreas informaron dunha caída na carga asistencial, que só medra na de Compostela, con tres pacientes máis e até 99 ingresados, e na de Lugo, con tres máis e 51 ingresados.

En referencia á taxa de positividade, foi do 17% das 5.336 probas PCR efectuadas na xornada, triplicando o 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

Após a confirmación de cinco novos óbitos no sábado, o número de persoas falecidas con Covid-19 desde o comezo da pandemia en marzo de 2020 ascende a 3.027.

Infeccións activas por área sanitaria

Todas as áreas sanitarias rexistraron unha diminución dos casos activos. Con todo, á de Vigo segue á cabeza con 10.885 casos activos (-858), mentres que a da Coruña ten 9.875 (-592), Compostela 8.347 (-424); Pontevedra presenta 4.934 (-278); Ourense conta con 4.623 casos activos (-278); Lugo con 4.820 (-288), e a Ferrol con 2.215 (-113).