Covid: O foco da DomusVi de Vimianzo xa afecta a 65 persoas

Imaxe de arquivo da DomusVi de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Política Social tamén comunicou a incorporación de 16 persoas aos casos activos na San Bartolomeu de Xove, que alcanza os 26 positivos.

O surto de coronavirus na residencia DomusVi de Vimianzo parece lonxe de quedar estabilizado se ben as cifras de contaxios non son tan elevadas como se detectaron ao principio da segunda onda noutros centros. No entanto, segundo o parte da Consellaría de Política Social de hoxe, no xeriátrico xa hai 65 casos positivos.

Hoxe incorporáronse ao listado de persoas infectadas en Vimianzo unha ducia de usuarias e 6 traballadoras, polo que o cómputo global xa é de 65 infectadas. En concreto, 50 pertencen á comunidade de residentes e o resto ao cadro de persoal.

Nas últimas horas tamén parece dispararse o pequeno foco que se detectara na residencia de San Bartolomeu, en Xove. Neste caso a Xunta informa de 11 maiores máis que teñen síntomas do virus e cinco operarias. Con ese incremento das cifras, xa hai en corentena e baixo control 26 persoas (16 residentes e 10 empregadas e empregados).

Así as cousas, fican con coronavirus 123 usuarios, dos que 50 están en Vimianzo. A segunda posición está ocupada por Xove, debido ao incremento inesperado, e en terceiro lugar está a Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo con 13 casos activos.

En Vigo hai tres centros afectados, pero os datos son máis elevados en dous: a residencia de Moledo (11) e a CRAPD II (9). Na DomusVi Vigo existen dous pacientes. Na Saleta, en San Cristovo de Cea, o departamento que dirixe Fabiola García ten noticia de 7 doentes.

No centro Monte Tecla da Guarda fican 6, no de Vilaboa faltan 3 persoas por curar e na Vila do Conde de Gondomar hai dúas usuarias aínda con Covid-19. O cómputo complétase cunha afectada en cada unha destas instalacións: Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, Servisenior Brión, San Salvador de Guntín e Covelo.

Cadro de persoal

As e os traballadores infectados son 109, mais o confinamento probabelmente afecta a máis compañeiras. Despois da DomusVi de Vimianzo (15) e da San Bartolomeu de Xove (10) aínda quedan moitas residencias tocadas polo virus.

Na DomusVi de Ribadumia e no Asilo de Vilalba permanecen activos 8 contaxios, mentres que en Vilaboa son 6. Por último, na Doral de Mos seguen infectadas 5 empregadas.

Menor incidencia

O resto dos casos están na Remanso-Claudina Somoza (1); Padre Rubinos da Coruña (1); Santa Teresa Jornet da Coruña (1), Domusvi Coruña (1); Laraxe (1); San José de Narón (2), DomusVi Noia (1); San Salvador de Guntín (1); Albertia Lugo (1); Residencia Hospital San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo (1); Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (1); San Antonio de Beariz (1); Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño (4); Larouco (1); Galisenior de Ourense (1); Os Gozos de Pereiro de Aguiar (4) e La Saleta en San Cristovo de Cea (4).

Tamén hai enfermos entre o persoal da residencia de Covelo (1); Nosa Señora das Dores de Forcarei (1); Marín (1); Monte Tecla de A Guarda (2); Vila do Conde de Gondomar (1); Virxe de Guadalupe de Mos (1); Bellavista Care de Nigrán (1); Cesantes-Redondela (1); Ballesol Vigo (3); Moledo (4); Fogar residencial Vistahermosa de Vigo (1) e Santa Marta, en Vigo (1).