Covid: A Federación Vellez e Dignidade exixe que se investigue o "xenocidio nas residencias"

Un instante da rolda de prensa sobre DomusVi. (Foto: CIG)
Este colectivo, que agrupa a varias asociacións de familiares de usuarios, advirte de que os datos de vítimas nos xeriátricos amosan que a xestión da pandemia por parte da Consellaría de Política Social non foi boa, piden axuda á Xustiza e reclaman que se recuperen as visitas. Ao igual que a plataforma denuncia as prácticas da conselleira delegada de DomusVi, a CIG pón sobre a mesa a "precariedade laboral" nos centros que o grupo ten en Ferrolterra.

A Federación Vellez e Dignidade, da que forman parte distintas organizacións nas que se agrupan familiares de residentes na rede de xeriátricos da Galiza, exixe á Xunta que se normalicen as visitas a estes centros, pois entenden que unha vez vacinadas as e os maiores “non ten sentido” mantelas illadas máis tempo. De feito falan da existencia dun "xenocidio" polos falecementos nestas instalacións.

“Nas residencias estase a producir unha forma de maltrato silenciosa: o illamento dos residentes, lembramos o estrito confinamento nas súas habitacións na primeira onda do Covid-19, pode que foxe necesario, pero facelo sen o persoal necesario para atendelos e acompañalos non, así pasaron a maior parte do día, durante meses, sós e illados, cun mínimo contacto humano sen saber que acontecía nin o porque da súa situación”, critican desde a plataforma.

As achegadas están dispostas a ter certas medidas de seguridade pero gustaríalles visitar ás usuarias, no medio dunha situación que non dubidan en cualificar de “xenocidio que aconteceu en moitos destes centros”.

Ademais de remarcar que as mortes “lle quitan a razón” á conselleira de Política Social sobre unha suposta boa xestión da crise nas infraestruturas, demandan unha “investigación seria” que aclare as condicións nas que decorreron os centos de pasamentos.

De feito, subliñan -como teñen denunciado os cadros de persoal- que os “erros e consecuencias da primeira onda” son as mesmas que nesta terceira.

"Investigación do xenocidio"

“Queremos que a administración de Xustiza apareza por algún lado e que realice, de oficio, unha investigación do ocorrido nas residencias, que é o maior xenocidio da nosa democracia, onde pola avaricia das Josefinas de turno, se vulneraron tanto dereitos fundamentais como humanos dos anciáns e dependentes até o punto de deixalos absolutamente desprotexidos con resultado de centos de mortes repetido onda tras onda”, resumen.

Ademais, respecto da vacinación da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, destacan que non ten proximidade coas residentes. Pola contra, din, “é a principal responsábel de que a precariedade de medios, persoal e incluso comida nas súas residencias, se den a man co abandono, a neglixencia, a desnutrición e a Covid-19”.

Denuncia laboral en DomusVi

Por outra parte, mais tamén nas críticas as residencias, a responsábel da CIG para o sector de xeriátricos privados en Ferrolterra, Beatriz Fernández, denunciou hoxe a "precariedade laboral" á que se enfrontan a diario as traballadoras dos tres centros que DomusVi ten na comarca (Laraxe, Narón e Ferrol).

A representante explicou que a situación complicouse co coronavirus "motivando a presentación de denuncias ante a Inspección de Traballo pola nefasta xestión que se está a facer da crise sanitaria", algo que se traduce en focos que non aparecen con máis "intensidade por casualidade".

"Os cadros de persoal non se reforzaron, obrígase ás operarias e operarios a facer tarefas para as que non están formadas, ademais de prolongar e modificar xornadas de maneira abusiva, provocando sobrecarga de traballo".