Covid: As estudantes non terán que gardar corentena por contacto cun positivo se foron vacinadas

Estudantes nun instituto de Catalunya nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O protocolo educativo actualizouse esta segunda feira para adaptarse á nova situación do coronavirus. A posibilidade de evitar a corentena resérvase a alumnas e alumnos de máis de 12 anos que conten coa inoculación completo.
A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade vén de actualizar esta segunda feira o protocolo de adaptación dos centros escolares ao contexto actual da Covid-19. A nova versión da orde matiza, sobre todo, cuestións relacionadas coa xestión dos focos nas infraestruturas educativas, pero que tamén recolle explicitamente que os contactos directos dun positivo quedarán exentos de ficar en corentena en caso de ser maiores de 12 anos e contar coa pauta completa de vacinación.

Esta novidade fora introducida na guía de actuación ante a aparición de casos de coronavirus en centros educativos, aprobada na Comisión de Saúde Pública, pero non viña recollida no protocolo educativo elaborado polas consellarías de Educación e Sanidade.

Con todo, fontes do departamento dirixido por Román Rodríguez comentaron a Europa Press que esta excepción ás estudantes con inoculación completa dos fármacos fronte o virus xa estaba contemplada polo protocolo de Sanidade e viña aplicando na Galiza, a pesar de que non vir recollida en documento educativo galego.

Segundo recolle a nova redacción do documento marco da Xunta, as persoas que convivan cunha persoa con síntomas compatíbeis coa Covid-19 evitarán as interaccións sociais prescindíbeis até que se confirme o resultado da proba.

Todo o alumnado ou persoal do centro que conviva cunha persoa positiva será considerado contacto estreito.

En caso de non dispor de pauta de vacinación completa, terán que absterse de asistir ás instalacións educativas até que se resolva a situación do caso sospeitoso.

Por outra parte, a ferramenta de xestión lembra a existencia da canle ' EduCovid' para a comunicación de datos básicos de contactos próximos daqueles casos confirmados, e estabelece que se considerará un brote nun centro a calquera agrupación de tres ou máis casos con infección activa con vínculo epidemiolóxico.

Sempre que se detecten tres casos ou máis nun colexio ou instituto nun período curto de tempo, en concreto menos de 14 días entre o primeiro e o último, terá que ser realizada unha valoración da situación por parte das autoridades sanitarias por se fora precisa algunha actuación extraordinaria.