A Covid, estábel ás portas dunha semana chave para sumar 90% da poboación vacinada

Vacinación na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
A vacinación libre e a administración de segundas doses á rapazada de 12 a 19 anos pode elevar a porcentaxe de persoas coa pauta completa na Galiza por riba de 90%

Máis de 15.000 persoas completaron a pauta contra a Covid nas últimas 24 horas, o que eleva o número de galegos e galegas vacinas aos 2.146.176, 87,43% da poboación diana e 79,48% da xeral.

Por grupos de idade, un total de 1.654.008 galegos de máis de 40 anos recibiron polo menos unha picada, polo que a cobertura neste grupo de idade supera xa o 96,15%.

O grupo de 30 a 39 anos, é, nestes momentos, o menos vacinado cun 81,9% de cobertura; seguido do de 20 e 29, cun 84,25% da poboación diana inmunizada. 

Vacinación libre

Son dous dos colectivos chamados a se vacinar sen necesidade de cita previa este sábado en calquera área sanitaria, ou esta segunda e terza feira se son parte da comunidade universitaria galega nalgúns dos sete campus, onde o Sergas instalará puntos específicos de vacinación libre para reducir a porcentaxe de maiores de 12 sen ningunha dose, unhas 200.000 persoas.

A esta decisión súmase a de adiantar a administración da segundas doses á poboación de entre 12 e 19 anos a vindeira semana, coincidindo co inicio do curso en secundaria. Coa pauta completa deste grupo, Galiza alcanzará 90% da poboación diana vacinada.

Casos activos e novos contaxios

Segundo o último balance facilitado polo Sergas, o número de casos activos por coronavirus na Galiza é de 4.041. Deles 1.073 son da área da Coruña, 809 da de Lugo, 441 da de Ourense, 249 da de Pontevedra, 602 da área de Vigo, 682 da de Santiago e 185 da de Ferrol.

Superan as infeccións rexistradas un día antes após varias correccións por parte da Xunta, que acabou por confirmar 3.986. Con todo, a situación epidemiolóxica é estábel con 164 novos casos confirmados por Probas de Diagnose de Infección Activa nas últimas 24 horas, segundo recollen as estatísticas do Sergas.

Presión hospitalaria

A presión hospitalaria descende, mais só en unidades convencionais. En total hai 146 pacientes ingresados con Covid,dos que 103 se recuperan en planta e 43 en unidades de coidados intensivos: 13 na área da Coruña (-1), sete na Vigo (sen cambios), cinco na área de Ferrol (sen cambios), sete na de Ourense (-1), cinco na de Pontevedra (+1) e cinco na de Lugo (+1), mentres que en Santiago manteñen un único doente na área de críticos.

A incidencia acumulada descende. Cae a 44 casos por 100.000 habitantes a sete días e a 125 a 14 días. Por grupos de idade, segundo datos do Ministerio de Sanidade, a maior incidencia concéntrase entre a mocidade de 12 a 19 anos con 271 casos seguida da de 20 a 29 con 232.

Desde o inicio da pandemia faleceron con Covid un total de 2.602 persoas