A Covid dispárase: 1.342 novos casos nun só día e as hospitalizacións achéganse á centena

Persoas na terraza dun bar de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Os contaxios da Covid-19 seguen disparados e superan o milleiro por segunda xornada consecutiva na Galiza ao repuntar a 1.342, que implican 245 máis que o día anterior e máis do dobre que hai unha semana, mentres que as hospitalizacións aumentan a 96, ao sumar 17 máis, e os casos activos ascenden a 8.319. Pola súa banda, a taxa de positividade sobe ao 10%.

Segundo os datos publicados na sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta, hai 14 persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 e repuntan a 82 as que se atopan noutras unidades de hospitalización -17-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en seis de sete, mentres que se alivia na de Ourense, na que seguen tres pacientes Covid en UCI e descenden a 15 os que se atopan noutras unidades, tres menos.

Na de Vigo, que até a xornada pasada non tiña pacientes Covid en UCI, hai un en críticos e 17 noutras unidades -sete máis-, mentres que na da Coruña soben a cinco e 19 respectivamente, que supón un máis en cada caso.

A área de Pontevedra e O Salnés continúa con tres paciente Covid en UCI e conta con 11 noutras unidades -tres máis-, e a de Lugo deixa de ter ingresados en críticos -a xornada anterior contaba con dous- e conta con oito noutras unidades -cinco máis-.

Mentres, a área de Santiago e Barbanza mantense sen ingresados en UCI por este coronavirus e rexistra sete pacientes noutras unidades -dous máis-, e na de Ferrol mantéñense dous en críticos e aumentan a cinco os doutras unidades -dous máis-.

Máis de 8.000 casos activos

A Galiza inicia a segunda quincena de xullo con 8.319 casos activos, que implican 1.111 máis que o día anterior e máis do dobre que hai sete días, xa que o día 9 había 3.679, ao haber máis contaxios (1.342) que altas (231).

Por tanto, mantense a tendencia ascendente por vixésimo terceira xornada consecutiva. Ao comparar estes datos cos de hai unha semana, supoñen 4.649 casos activos máis que a pasada sexta feira 9 de xullo, cando había 3.670.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden de maneira máis acusada nas de Pontevedra e O Salnés (+265) e Vigo (+254); seguidas das de Ourense (+188), Santiago e Barbanza (+159), A Coruña e Cee (+139), Lugo (+69) e Ferrol (+37).

Continúa á cabeza de casos activos a área de Vigo, con 1.845; seguida da de Ourense, con 1.617; Pontevedra e O Salnés, con 1.550; A Coruña e Cee, con 1.330; Santiago e Barbanza, con 976; Lugo, con 700; e á cola mantense a de Ferrol, con 301.

Máis de mil contaxios

En canto aos novos contagios de Covid-19 mantéñense por encima do milleiro por segunda xornada consecutiva ao alcanzar os 1.342, a maior cifra desde o inicio do ano e a marca desde o arranque do verán e desta quinta onda, o que supón 245 máis que a xornada anterior e máis do dobre que os 559 da sexta feira pasada. Esta semana comezou con 630 positivos e situáronse por encima dos 700 nas dúas seguintes xornadas.

Deste xeito, continúan por encima do medio milleiro desde o 9 de xullo e mantéñense por encima dos 200 desde o 1 de xullo e do centenar desde o 24 de xuño.

En toda a Galiza foron confirmados 1.253 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 171 máis que a xornada pasada, dos cales 269 corresponden á área de Vigo; 263, á de Pontevedra e O Salnés; 207, á de Ourense; 184, á da Coruña e Cee; 178, á de Santiago e Barbanza; 100, á de Lugo; e 52, á de Ferrol.

Galiza levou a cabo desde o inicio da pandemia pola Covid 2.447.140 PCR, que implican 8.403 probas máis que as rexistradas até a xornada pasada e unhas 1.200 máis que as feitas o día anterior.

En canto á taxa de positividade das PCR, aumenta lixeiramente a un 10% tras situarse nun 9% o día anterior, descender a un 8,6% a cuarta feira despois de dispararse a un 13,2% a terza e comezar a semana nun 8%. Así, segue por encima dese 5% que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que a Galiza, até a semana pasada, non superaba desde o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.441 ao non notificar Sanidade esta quinta feira novas vítimas.