Agro

En estudo novos casos sospeitosos da 'Covid das vacas': que sabemos desta doenza?

Unha vaca pasta con fondo de bosque queimado no lugar do Sollío, en Baleira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Fruga e SLG reclaman á Xunta da Galiza medidas urxentes ante a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), que xa afectou no mínimo dúas vacas de explotacións da Capela e Abegondo.

A Consellaría do Medio Rural vén de confirmar que están en fase de estudo novos casos sospeitosos da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en vacas de explotacións galegas, unha doenza coñecida popularmente como a 'Covid das vacas'. Fontes do departamento que dirixe José González citadas pola axencia Europa Press sinalaron esta quinta feira que estes casos foron remitidos ao Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid) para o seu estudo. A pasada cuarta feira, Medio Rural informou dos dous primeiros casos de EHE confirmados na Galiza, en dúas reses de explotacións dos municipios de Abegondo (comarca da Coruña) e A Capela (Eume).

O departamento de Medio Rural salienta que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picada de mosquitos do xénero Culicoides. Dada a vía de transmisión, aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posíbel afectación dos animais —aproximadamente de abril a decembro— e outro nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posíbel a transmisión directa ou indirecta entre eles. Esta enfermidade non afecta as persoas, nin pola picada do mosquito transmisor, nin polo contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal —carne, leite— destes animais.

A Fruga pide un "protocolo claro"

A Federación Rural Galega (Fruga) exixiu esta quinta feira a Medio Rural un "protocolo claro" fronte a esta doenza e axudas ás explotacións para facer fronte aos custos derivados. A Fruga denunciou que a Consellaría "non activou ningunha medida preventiva" contra a enfermidade a pesar de que se detectaron casos en autonomías limítrofes. A organización explicou, por outra parte, que se trata dunha patoloxía que afecta principalmente o gando vacún e sinalou que a Galiza é unha das comunidades con maior número destas reses.

"Tendo o problema ás portas da Galiza, concretamente na zona lindeira de Zamora, non temos coñecemento de que se activase ningunha medida preventiva que tentase minimizar os posíbeis efectos que esta patoloxía puidera ter sobre o censo vacún galego", censurou.

O SLG reclama á Xunta que "non fique de perfil"

O Sindicato Labrego Galego acusou tamén a Xunta de "porse de perfil" ante a detección dos primeiros casos de enfermidade hemorráxica epizoótica en vacas, polo que demanda á Consellaría do Medio Rural que "actúe como tal" e poña sobre a mesa "medidas reais, claras e contundentes". A organización agraria precisa nun comunicado que ten "constancia" de que existen "máis concellos afectados pola enfermidade".

Engaden que existe "un alto risco" de que a Consellaría "ofreza outro lamentábel espectáculo de deficiencias en materia de saneamento animal, como o que leva meses dando" coa campaña de vacinación contra a lingua azul. Así, o Sindicato Labrego reclama que tanto o EHE como a lingua azul sexan incorporadas ao seguro agrario da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), á vez que demanda á Xunta que actúe con transparencia na xestión desta enfermidade que está a levantar "proecupación" na granxas pola "inoperancia" da Administración galega.

"A Consellaría non está a contar cos axentes do sector nin traslada as súas intencións, malos hábitos que veñen caracterizando unha nefasta xestión e inoperancia que obviamente só poden derivar en que as problemáticas se compliquen cada vez máis, como ben sabemos co caso da lingua azul", conclúe o SLG.