Covid: Medran os focos das residencias de Vimianzo, Carballo, Pazos de Borbén e Crecente

A usuaria dunha residencia fóra da Galiza recibe unha dose da vacina. (Foto: Álvaro Calvo / Europa Press)

Os positivos por coronavirus seguen aumentando tanto entre as usuarias e usuarios dos xeriátricos como nos cadros de persoal destas infraestruturas.

Hai probas da Covid-19 practicadas nos centros de maiores que dan negativo e tamén hai curacións das doentes, mais esas cifras quedan agochadas ao chegar números moi altos de contaxios. Como é normal, ao incrementarse os contaxios de maneira xeneralizada e, en particular, entre a comunidade educativa, nas residencias vívese unha situación semellante.

Co balance facilitado esta terza feira pola Consellaría de Política Social comprobouse o aumento de varios focos, especialmente os da DomusVi de Carballo (10 positivos máis); a DomusVi de Vimianzo (9 infectadas a maiores); Mi Casa, de Pazos de Borbén (8 doentes); e Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente (7 usuarias).

Por estes surtos especialmente amplos a estatística de residentes infectadas xa está nas 387, mentres que hai 200 traballadoras con síntomas do virus ou que están asintomáticas pero deben manter a corentena, ao igual que os contactos máis directos.

De feito, nestes meses non é complicado atopar ofertas para facer substitucións de algunhas profesionais nestes centros, se ben non en todos se reforza ou repón o persoal, como xa teñen denunciado distintos colectivos no que vai de pandemia.

No que atinxe só ás usuarias, os espazos máis afectados seguen a ser a DomusVi Ribeira (63); Paz e Ben de Tui (61); DomusVi Vimianzo (49); A Pastoriza (30); Fogar de Verín (30); Quercus de Leiro (27); DomusVi Carballo (23); San Bartolomeu de Xove (22); San José en Arzúa (20); Mi Casa en Pazos de Borbén (15) e Santa Teresa de Jornet na Coruña (13).

As pacientes dos cadros de persoal ascenden a 200 de medio cento de instalacións. Neste caso, os gromos máis elevados contabilízanse na Paz e Ben de Tui (29 operarias); Pastoriza (23); DomusVi Ribeira (21); DomusVi Vimianzo (19); San Bartolomeu de Xove (12) e Fogar de Verín (10).

Por outra parte, os centros de atención á discapacidade xa suman 53 doentes, das que 31 son beneficiarias da Pai Menni de Betanzos.