A Covid continúa a avanzar no ensino: 30% máis de contaxios nunha semana. Aquí todos os datos

Aulas nun centro (Nós Diario)
Os centros achéganse ao milleiro de casos en total.

A escalada de positivos no sistema educativo non remite e os positivos rozan hoxe, día 29, o milleiro de contaxios en centros, institutos e escolas infantís galegas.

As autoridades sanitarias cuantifican no mínimo 961 casos nestas instalacións, case medio cento máis que a xornada anterior e que manteñen unha tendencia de incremento constante e alcanzan cifras que superan nun 30% ás rexistradas hai unha semana.

Esta situación obriga a manter pechadas polo menos 46 aulas, unha escola infantil en Lugo e un punto de atención á infancia en Boborás aínda que as cifras de incidencia son maiores ás achegadas pola Xunta, que só recolle as unidades e centros clausurados polo Sergas e non outros peches que se producen por iniciativa dos equipos directivos, a pesar de que se apliquen seguindo o protocolo ante a COVID-19.

Neste contexto destaca a área sanitaria de Vigo, que se mantén como o foco principal da incidencia da COVID-19 ao contar con 225 positivos por COVID-19 nos seus centros.

A cidade olívica e o municipio de Mos rexistran, ademais, os casos máis graves de contaxios de todo o territorio galego, con dez positivos no CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago e once no Plurilingüe Lareira, respectivamente.

As cifras, as máis altas desde o retorno após o verán, preocupan pola evolución ascendente e tamén polas incertezas que xeran respecto ao futuro inmediato da docencia nun contexto que non convida ao optimismo: nunha semana, os casos positivos nos centros de ensino medraron en 50%, desde os 608 que a Xunta notificaba o pasado día 20 aos 914 de onte, e tomando como referencia a última cuarta feira de setembro, a do día 30, a progresión faise máis notoria, ao terse triplicado desde entón o número de casos. 

Na ligazón externa pódese acceder aos datos de contaxio centro por centro.