Covid: os contaxios e a presión hospitalaria continúan á baixa

Vacinación no hospital de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press) #vacinación #vacina #saúde #coronavirus #covid19 #ourense #pauta

As infeccións activas de coronavirus tamén diminúen até as 14.675, 481 menos que na xornada anterior

O número de contaxios detectados na Galiza descende até os 717 -continúa por baixo do milleiro-, así como a presión hospitalaria, á baixa, con 309 persoas ingresadas por Covid-19. Os casos activos, pola súa banda, tamén diminúen, con 481 menos que na xornada anterior -14.675 en total-. Por contra, a taxa de positividade aumenta até o 12,9% respecto o 9,9% do día anterior.

Así o recolle o último balance da situación epidemiolóxica publicado pola Consellaría de Sanidade na mañá deste sábado, con datos até as 18 horas da sexta feira, e recollidos por Europa Press.

En canto á situación nos hospitais, Galiza ten a 309 persoas ingresadas por Covid, 15 menos que na xornada anterior. Deles, 57 están en UCI (+2) e 252 en unidades convencionais (-17).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en cinco (A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense), mantense na de Santiago -con 37 ingresados, 33 en planta e 4 en UCI-, mais aumenta na de Vigo, con cinco ingresados máis. Das 56 persoas hospitalizadas, 49 están en planta (+5) e outro sete mantéñense en críticos (sen cambios).

Así as cousas, os casos activos de Covid-19 rexistran un novo descenso e son xa nove días consecutivos nos que se reduce o número de persoas que atravesan a enfermidade.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas: Pontevedra (-169), Santiago e Barbanza (-70), Vigo (-66), Ourense (-65), Lugo (-52), A Coruña (-36) e Ferrol (-23).

Os contaxios detectados nun día continúan por sexta xornada consecutiva por baixo do milleiro. Galiza experimenta unha baixada nos contaxios, 717 que contrastan coa lixeira repunta rexistrada na última xornada con 821 casos, 55 máis que na quinta feira e case un cento máis que a cuarta.

No conxunto de Galiza foron confirmados 717 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica). Por áreas, A Coruña e Vigo son as que máis sumaron nas últimas horas, 219 e 192 casos, respectivamente. Após as dúas áreas de influencia das grandes urbes, Lugo diagnosticou 74 casos de covid, Santiago 64, Pontevedra, 65; Ourense, 47 e Ferrol, 56.

En canto á taxa de positividade das PCR, volve ascender até o 12,9% após baixar na última xornada ao 9,9%, e aínda moi por encima do 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia ascenden a 2.512 despois de notificar as autoridades sanitarias esta quinta feira outras catro vítimas mortais, todas con patoloxías previas.