Covid: Os contaxios caen por debaixo do centenar por primeira vez desde que comezou a quinta onda

Varias persoas acuden a facer trámites relacionados co coronavirus, en Ourense. (Foto: Área Sanitaria de Ourense)
O Sergas vén de informar tamén dun alivio da presión hospitalaria ao haber 107 persoas ingresadas na rede galega, nove menos que no anterior balance. A Xunta estima que os casos activos ascenden a 2.387.

Os contaxios da Covid-19 baixan do centenar desde que comezou a quinta onda na Galiza e a presión hospitalaria volve ter un alivio ao baixar as persoas ingresadas a 107, nove menos que no informe fornecido pola Consellaría de Sanidade esta sexta feira.

Segundo o balance feito público este sábado, que inclúe información até as 18 horas da sexta, a taxa de positividade incrementouse a un 4,63% pero os casos activos continúan caendo e agora son 2.387.

Respecto da atención na rede hospitalaria do país, hai 28 doentes nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) e outras 79 en unidades normais. Por áreas sanitarias a presión descende en catro das sete; mantense na de Ourense; e aumenta lixeiramente na de Pontevedra e na de Lugo.

Na demarcación da Coruña e Cee aínda que se manteñen en dez os pacientes Covid na UCI, descenden a 19 os doutras unidades -seis menos-; mentres que na de Compostela continúa sendo atendidas dúas persoas en críticos, pero hai 13 pacientes en planta (dúas menos que na sexta feira).

Na de Ferrol fica un na UCI e baixaron de cinco a tres as infectadas ingresadas noutras áreas. En Vigo, quedan cinco en críticos (dous menos) e nove no resto das unidades de hospitalización.

Por contra, na zona de Pontevedra, aínda que descenden as atencións en coidados intensivos, onde só queda un paciente -dous menos-, aumentan os hospitalizados en planta, sete -tres máis-. Tamén se incrementa a presión na área de Lugo, que mantén a catro pacientes en críticos, pero que conta con 18 ingresados en unidades convencionais fronte aos 15 dos que informara a Xunta no anterior parte.

A área de Ourense, pola súa banda, mantense sen cambios, con 10 hospitalizados en planta e cinco pacientes en UCI.

Os activos, en caída

Os casos activos de coronavirus manteñen a tendencia descendente e baixan a 2.387, que supoñen 193 menos que os rexistrados até o día anterior, ao haber máis altas (292) que contaxios (99), e non ter que contabilizar ningún falecemento.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden de novo nas sete: A Coruña e Cee (-54), Santiago e Barbanza (-34), Ourense (-5), Lugo (-40), Ferrol (-13), Pontevedra e O Salnés (-17) e Vigo (-30).

Así, o espazo sanitario da Coruña e Cee ten a cifra máis alta de casos, con 633; seguido do de Lugo, con 470; Vigo, con 403; Compostela e Barbanza, con 375; Ourense, con 271; Pontevedra e O Salnés, con 160; e Ferrol mantense á cola, con 75, a única por baixo do centenar.

Cómputo global

Con estes últimos datos, as contaxiadas na Galiza durante a pandemia ascenden a 181.644, deles 42.935 (+13) na área da Coruña e Cee; 37.464 (+22) na de Vigo; 26.857 (+7) na de Santiago e Barbanza; 21.584 (+20) na de Ourense; 21.363 (+4) na de Pontevedra e O Salnés; 19.770 (+32) na de Lugo; e 11.604 (+1) na de Ferrol.

Nas últimas horas non se comunicaron novos pasamentos vinculados ao virus, polo que a cifra de vítimas continúa en 2.614.

Casos nos centros de maiores

Pola súa banda, a Consellaría de Política Social informou da redución do número de infectadas na residencia DomusVi Monforte, ao dar negativo 20 das usuarias que tiñan coronavirus.

Porén, detectáronse outras 13 infeccións, polo que o número de residentes coa Covid-19 é de 52.

En todo o país hai 57 maiores co virus, dado que tamén está activa a doenza en tres persoas que viven no centro xeriátrico O Bolo. Aliás, hai un contaxio na San Vitorio de Baralla e outro na residencia San Marcos Hermanitas de los Ancianos Desamparados de Compostela.