Covid: As contaxiadas nas residencias suben case un 8% nunha soa xornada

Manifestación en defensa das usuarias das residencias en Euskadi. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)
Política Social afirma que hai 634 persoas afectadas nos centros de maiores. Os focos que máis aumentaron hoxe foron os da DomusVi de Carballo, a Santa María de Verín, a residencia de Bande e O Casón de Moeche, que se incorpora á lista dun día para outro con 7 infectadas.

Os puntos de contaxio nas residencias de maiores de todo o país non deixan de medrar. Ademais de aumentar os focos nas infraestruturas que levan días afectadas, tamén están a xurdir novos gromos noutros centros como é o caso do Casón, en Moeche, con sete positivos e a Asunción de Caldas de Reis, que hoxe detectou cinco enfermas de coronavirus.

Malia que novamente houbo negativos ás probas por curación e falecementos entre a comunidade de usuarios da Galiza, esas baixas non son quen de compensar o incremento acelerado dos contaxios e, por exemplo, na última xornada o número de afectadas creceu practicamente un 8%.

O global de persoas vinculadas aos xeriátricos que dan positivo actualmente, segundo Política Social, é de 634 entre usuarias e usuarios e membros dos cadros de persoal.

As incorporacións á listaxe da Xunta déronse en 19 infraestruturas, entre as que destacan a de Bande con 14 infectados e a DomusVi de Carballo con 13. Tamén hai oito casos máis na Santa María de Verín.

Aliás, o balance indica dous novos surtos en residencias que até agora estaban libres de Covid-19, por lo menos nesta terceira onda: O Casón de Moeche con 7 doentes e a Asunción de Caldas de Reis con cinco.

Os centros peor parados

A nivel global os centros máis afectados, no que se refire ás e aos 422 residentes con PCR positiva, continúan a ser o de DomusVi Ribeira (64); Paz e Ben de Tui (60); DomusVi Carballo (42); DomusVi Vimianzo (39); Fogar Santa María en Verín (36); Quercus de Leiro (27); San José de Arzúa (21) e A Pastoriza (20). No entanto, outros focos máis pequenos tamén son preocupantes.

No relativo ás operarias, os tres primeiros postos en contaxios son para a Paz e Ben de Tui (30); a Pastoriza (23) e a DomusVi Ribeira (21). En calquera caso, xa hai 212 traballadoras afectadas polo virus.

Nas instalacións de atención á diversidade funcional, segundo a consellaría que dirixe Fabiola García, xa se superan os 100 casos, sendo a peor parte para a Pai Menni de Betanzos con 55 enfermas e enfermos.