Covid: os casos activos volven situarse por baixo dos 3.000

Os novos contaxios baixan a 145.

Os novos contaxios de Covid-19 detectados baixaron a 145 após a repunta rexistrada esta cuarta feira, e o número de casos activos reduciuse a 2.954, recuperando a tendencia do inicio de semana, cando se encadearon cinco xornadas consecutivas en descenso. En canto aos pacientes hospitalizados con este coronavirus, descenderon a 188 -tres menos-.

De acordo cos datos actualizados na mañádesta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados en UCI hospitalarias mantéñense en 40, mentres que os que permanecen noutras unidades de hospitalización descenderon a 148, tres menos.

No relativo ás diferentes áreas sanitarias, a presión hospitalaria reduciuse en tres das sete, en concreto na Coruña e Cee, Ferrol e Pontevedra e O Salnés; mentres, subiu en Lugo e Santiago e Barbanza; e mantense sen cambios en Ourense e Vigo.

En canto aos casos activos de Covid, despois da repunta desta cuarta feira, Galiza volve experimentar un descenso nas súas cifras. Así, no conxunto da Galiza baixaron a 2.954, que supoñen 98 menos que no día anterior. Iso débese a que houbo máis altas (241) que contaxios (145), ao que se engaden dúas persoas falecidas.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en todas elas, con 32 menos na Coruña, 29 menos en Vigo, 12 menos en Lugo, 10 menos en Pontevedra e O Salnés, 7 menos en Santiago e Barbanza, 6 menos en Ourense e 2 menos en Ferrol.

Con respecto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba baixaron a 145, é dicir, 78 menos que na xornada previa. Desta forma, sitúase en cifras similares ao comezo da semana.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizado-- baixou a un 2,3 %, após subir a un 2,4 % na xornada anterior, de forma que volve ás cifras rexistradas ao comezo desta semana. Así, segue por baixo do 5 % que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.397 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, após notificar esta terza feira a Consellaría de Sanidade dous novos óbitos.