Covid: Os casos activos baixan por quinto día consecutivo

Profesionais do Sergas en Ourense realizan tests serolóxicos no marco dun cribado masivo a todo o persoal sanitario.

Os novos contaxios de Covid mantéñense en 130 e a taxa de positividade segue por baixo do 2%.

A presión hospitalaria descendeu na Galiza ao se ao reducir a 124 os pacientes ingresados pola Covid-19, que supoñen 14 menos que a xornada anterior, así como os casos activos, que baixan a 2.420, mentres que os novos contaxios mantéñense en 130.

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18horas desta cuarta, baixan a 28 os pacientes ingresados en UCI -tres menos- e a 96 os doutras unidades -11 menos-.

Por áreas sanitarias, os hospitalizados pola Covid descenden nas de Vigo, A Coruña e Cee, Pontevedra e O Salnés e Ourense; aumentan nas de Santiago e Barbanza e Lugo; e mantéñense na de Ferrol.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 continúan coa tendencia descendente por quinta xornada consecutiva ao baixar a 2.420, que supoñen 78 menos que o día pasado, ao haber máis altas (206) que contaxios (130), ao que se suman dúas persoas falecidas.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-38), A Coruña e Cee (-22), Ferrol (-9), Pontevedra e O Salnés (-8) e Ourense (-6); mentres que soben lixeiramente nas de Santiago e Barbanza (+2) e Lugo (+3).

No relativo aos novos contaxios detectados por calquera tipo de proba mantéñense en 130 - os mesmos que a xornada anterior-, despois de descender aos 89 esta terza feira e situarse por baixo do centenar, tras iniciar esta semana con 123.

Do total de positivos, 126 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que supoñen 15 máis que a xornada anterior, dos cales 41 corresponden á área de Vigo; 28, á de Santiago e Barbanza; 20, á de Pontevedra e O Salnés; 13, á de Lugo; 11, á da Coruña e Cee; 10, á de Ourense; e tres, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade, mantense por baixo do 2% desde o inicio desta semana

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.415 persoas diagnosticadas con Covid-19, despois de notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade dous novos falecementos.