Galiza mantén a tendencia á baixa nos casos activos de Covid-19 pero seguen dándose contaxios

Dispositivo de vacinación en Portugal. (Foto: Pedro Fiuza / Dpa)
A Consellaría de Sanidade indica que a día de hoxe seguen infectadas 2.309 persoas, 48 menos que onte. No entanto, a comparativa dos datos revela que nas últimas 24 horas notificáronse 122 doentes.

A tendencia á baixa nos casos activos da Covid-19 no país parece consolidarse. Este domingo a Consellaría de Sanidade informou de 2.309 casos fronte aos 2.357 de onte, cando as estatísticas xa viñan de varios días nesa tendencia negativa.

Segundo aclararon fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña, das persoas que seguen infectadas a maioría, até 867, están na área sanitaria da Coruña e Cee. A outra cifra máis elevada é a de Vigo, con 560 doentes.

O resto das afectadas e afectados repártense entre as demarcacións de Compostela (233); Pontevedra (209); Lugo (162); Ferrol (146) e Ourense (132).

Desta maneira catro das zonas notificaron números que se corresponden con reducións (A Coruña, Compostela, Ourense, Lugo e Ferrol) mentres que os casos activos ascenderon en Vigo e en Pontevedra, desde os 557 e os 206, respectivamente.

Respecto do seguimento de todas as galegas e os galegos, 2.109 fan a corentena nas súas casas e reciben chamadas de control, mentres que outras 26 permanecen ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) e 174 noutras unidades de hospitalización.

É dicir, hai seis pacientes menos sendo atendidos nas UCI da rede de hospitais da Galiza pero houbo dous ingresos máis, en relación aos datos que a Xunta fornecía na mañá de onte.

Cun ano de epidemia nas costas xa se realizaron 1.835.697 probas PCR. O cómputo de vítimas mantense en 2.332 despois de que na noite de onte e na mañá de hoxe non se comunicara ningún novo pasamento.