Covid: A baixada dos contaxios nas escolas permite manter só 55 aulas fechadas

Alumnado de institutos nas probas de selectividade en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os casos positivos vinculados a centros educativos de todo o país, quer de estudantes, quer de persoal, son 858. Mantense a clausura temporal de tres gardarías en Lugo, Vigo e Pontevedra.

Ao igual que sucede nas residencias segundo os balances facilitados pola Consellaría de Política Social, tamén baixan os casos activos de coronavirus nas gardarías, escolas, colexios e institutos galegos.

A Xunta indicou hoxe que actualmente hai 858 casos activos, cunha lixeira baixada respecto ao número de referencia. No entanto, nas últimas semanas si que se detectou esa caída. Aliás pasouse de ter 66 aulas fechadas polas corentenas, á manter tan só 55 nesas condicións.

O colexio no que se detecta aínda maior incidencia da Covid-19 é a Grande Obra de Atocha, da Coruña, onde hai información de 24 positivos, un máis dos que amosaban as estatísticas achegadas o sábado. Aínda así, só hai un espazo que non está dispoñíbel para actividade docente.

Respecto á área educativa máis afectada, esta segue a ser a dos arredores de Vigo, se ben tamén houbo curacións. Esta terza feira deuse aviso de 199 casos activos e nove aulas en corentena.

A demarcación de Compostela é a segunda peor. Ademais ten unha evolución negativa porque hai 164 persoas infectadas e 12 unidades clausuradas de forma temporal. A peor parte está a levala o María Assumpta de Noia, con 9 casos activos.

Na zona de Pontevedra, explican fontes da Consellaría de Educación, hai 161 positivos (nove máis que no anterior parte) e nove instalacións sen ser empregadas. Na Coruña suman 142 afeccións e sete aulas paradas, catro menos.

Por debaixo dos 100 casos

Por debaixo do centenar de casos de coronavirus están nas localidades dos arredores das urbes de Lugo, Ourense e Ferrol. No global baixan tanto as e os membros da comunidade educativa como as aulas.

A pesar desta melloría, de momento continúan sen actividade tres gardarías: a Barrio Sésamo 4 de Lugo, a Cáritas Tui-Vigo de Vigo e a Chiquis da cidade de Pontevedra.