Covid: aumentan na Galiza os novos contaxios rexistrados

(Foto: Europa Press)
Seguen en descenso os hospitalizados e os casos activos baixan a 4.686.

As persoas diagnosticadas con Covid-19 hospitalizadas na Galiza volveron descender -16 menos- até as 472, delas 97 atópanse nunha Unidade de Coidados Intensivos, o que supón oito menos que a xornada anterior, mentres que soben os novos contaxios diarios a 173 -56 máis que na xornada anterior-.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá de hoxe pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta terza feira, nos que se indica que hai 97 pacientes Covid en UCI na Galiza -oito menos- e 375 noutras unidades oito menos-.

Os ingresados con coronavirus soben en tres das sete áreas sanitarias galegas. Deste modo, na de Santiago e Barbanza aínda que descenden a 15 o críticos -tres menos-, aumentan a 45 os que se atopan noutras unidades -sete máis-; na de Vigo caen a 14 os que están en UCI -un menos-, pero soben a 64 os doutras unidades -catro máis-; e na de Lugo mantéñense en 14 os de UCI, mentres aumentan a 23 os de hospitalización convencional -un máis-.

Por contra, a presión asistencial descende máis significativamente na área da Coruña e Cee, con 34 en UCI -tres menos- e 129 noutras unidades -oito menos-; e na de Ferrol seguen 7 en críticos -sen cambios- e caen a 41 os doutras unidades -seis menos-.

Na de Pontevedra e O Salnés mantéñense en 11 os ingresados con coronavirus en UCI -sen cambios- e baixan a 39 os que permanecen noutras unidades -cinco menos-, mentres que na de Ourense descenden a dous os críticos -un menos- e a 34 os doutras unidades -un menos-.

Os casos activos de Covid-19 manteñen tamén a tendencia descendente e sitúanse en 4.686, o que implica 267 menos que a xornada anterior.

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntaron con respecto á xornada anterior até 173, deles 156 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -fronte aos 70 do día pasado--.

Deses 173 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, 62 corresponden á área sanitaria da Coruña e Cee; 26 á de Ourense; 25 á de Vigo; 13 á de Pontevedra e O Salnés; 12 á de Santiago e Barbanza; 11 á de Lugo; e sete á de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense en menos do 2% desde o inicio desta semana, cun 1,9 por cento.

Desde o inicio da pandemia da Covid-19 faleceron 2.256 persoas diagnosticadas con coronavirus na Galiza, tras notificar Sanidade na noite desta terza feira outro catro vítimas.