Covid: Aumenta en 16 persoas máis o foco da DomusVi de Carballo

Unha atención na residencia San Carlos de Celanova. (Foto: BNG)
No entanto, as cifras son similares as de días anteriores despois de que o último parte da Xunta informara do falecemento de até 8 usuarias dos xeriátricos. A Consellaría de Política Social tamén informou dun incremento das infectadas en dúas residencias de atención á diversidade funcional: a Pai Menni de Betanzos (13) e Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente (22).

A situación continúa a ser moi complexa nas residencias de maiores que, a pesar das moitas limitacións estabelecidas para as saídas e entradas, non deixan de ver como crecen os focos da Covid-19. Nesta última xornada a Consellaría de Política Social informou dun incremento do surto detectado na DomusVi de Carballo, onde xa hai outros 16 positivos. Ademais, os centros de atención á discapacidade comezan a caer tamén nesta dinámica.

Segundo a información desta cuarta feira, hai novas residencias que se incorporan ao cómputo global de 386 usuarias e 202 empregadas e empregados afectados polo coronavirus. No que se refire aos centros xeriátricos, o que presenta unha peor evolución é o que DomusVi ten en Carballo, desde onde se notifican dez casos activos máis entre a comunidade de residentes e 6 no cadro de persoal. Na DomusVi de Ribeira súmanse cinco doentes, mentres que en Vimianzo deron negativo 16 persoas.

Tamén seguen a crecer os surtos da San José de Arzúa (3) ou a de Vilardevós (6). A situación queda da seguinte forma naquelas infraestruturas máis afectadas: DomusVi Ribeira (70); Paz e Ben de Tui (61); DomusVi Vimianzo (40); DomusVi Carballo (32); Fogar Santa María en Verín (30); e Quercus de Leiro (27).

Aliás, na Pastoriza mantéñense activos 25 casos entre as usuarias e na San José de Arzúa  son 19. A San Bartolomeu de Xove queda con 16 e Mi Casa, en Pazos de Borbén, ten 15 enfermas e enfermos. Así mesmo están Santa Teresa de Jornet da Coruña (13); Vilardevós (9) e Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo (7).

Tamén hai que ter en conta os falecementos, á marxe das curacións, pois nas últimas 24 horas finaron polo menos dúas mulleres de 95 anos que procedían da residencia da Pastoriza; outras de 87 e 94 da DomusVi de Ribeira e unha de 91 da de Carballo; dúas usuarias de 90 e 85 da San Bartolomeu de Xove e unha máis do asilo de Ribadeo que tiña 78 anos.

O persoal enfermo distribúese en 52 instalacións, se ben os maiores focos están en Ribeira, Vimianzo e Carballo (21, 12 e 10 respectivamente); Tui (29); Xove (12); Verín (10) e A Pastoriza (23).

Denuncia en Celanova

A esta situación hai que sumar as reivindicacións desde distintas localidades. Por exemplo, após detectarse positivos na residencia de Celanova, o BNG quixo volver destacar unha “precaria situación” do centro, que xa denunciara.

Algúns familiares dicían hai poucas semanas que se estaban “a producir irregularidades na atención e continuaban as deficiencias materiais” e pedían ao Concello que se movese dentro do padroado que xestiona a infraestrutura.

A xustiza obriga a vacinarse

Hoxe tamén se comunicou que un xulgado de Compostela (o de Primeira Instancia número 6, especializado en temas de Familia) ordenou vacinar a un usuario dun centro residencial que se negaba e a outra muller cuxos familiares non querían este tratamento.

Atención á discapacidade

Por si a situación era pouco alarmante, fontes de Política Social revelan que os surtos de amplo alcance xa están a chegar ás residencias para persoas con diversidade funcional.

Esta cuarta feira notificou os casos activos de 7 beneficiarias e 5 empregadas da Pai Menni de Betanzos e 20 usuarias e 2 traballadoras da Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente. Así, xa hai 94 pacientes nestes espazos, 50 en Betanzos e 27 en Crecente.