A Covid após Ómicron: a debate o fin dos illamentos e das corentenas xeneralizadas

Tras a sexta vaga, a comunidade experta aconsella unha xestión distinta de contaxios e contactos (Foto: Tras a sexta vaga, a comunidade experta aconsella unha xestión distinta de contaxios e contactos).
Coa sexta vaga podería rematar o reconto diario de casos positivos e cómpre un novo sistema de vixilancia epidemiolóxica  que a comunidade experta centra na poboación de risco: persoas inmunodeprimidas, maiores e embarazadas.

O Ministerio de Sanidade traballa na definición dun novo sistema de vixilancia que determine os pasos a seguir unha vez superada a sexta vaga da pandemia. Desde primeiros de ano, as autoridades sanitarias avanzaron un cambio de modelo que aínda non é definitivo. Será progresivo, advirte a comunidade experta, xa que non existe un receitario único que guíe a toma de decisións e advirta das medidas concretas máis acaídas.

Sobre a mesa hai alternativas que o relatorio de alertas e plans de preparación e resposta do Ministerio está a avaliar. Desde a retirada progresiva das máscaras nos centros de ensino, que o Goberno galego aínda considera precoz, mesmo en zonas exteriores, até unha xestión diferente dos casos positivos e dos seus contactos, que o Executivo de Núñez Feixoo consideran necesaria. 

A Xunta da Galiza foi das primeiras en trasladar ao Goberno estatal unha rebaixa das corentenas de sete a cinco días. Unha decisión que a Organización Mundial da Saúde aínda non apoia pero que o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos  (CDC) asumiu a finais de 2021 para a poboación xeral. 

Non máis reconto de positivos

Especialistas en inmunoloxía defenden a recomendación do CDC e aconsellan unha proba de antíxenos negativa ao final dese período estimado de contaxio. Con todo, unha vez controlada a sexta onda da pandemia, apuntan un cambio de xestión máis profundo que pasa por mudar as condicións de diagnóstico, illamento e corentena para a maior parte da poboación, limitando as probas e os confinamentos a ámbitos sociosanitarios e a grupos de risco concretos.

"É evidente que non podemos manter como indicador único a incidencia de casos positivos, entre outras cousa porque supón unha gran carga para o sistema de saúde que non se pode asumir durante moito máis tempo", advirte o catedrático de Microbioloxía da USC Jesús López Romalde a Nós Diario. "Deberíamos centrar os esforzos nas persoas enfermas e vulnerábeis".

Persoas maiores, inmunodeprimidas e embarazadas centran o interese da vixilancia clínica e epidemiolóxica que comeza a reclamar persoal médico. A inmunidade fronte ao coronavirus aumenta e dispoñen de máis ferramentas para facerlle fronte entre a poboación sa, mais non desprezan a capacidade do SARS-CoV-2 para causar dano nos grupos de risco: enfermidade grave, ingresos e mortes.

Catro escenarios Covid

A pandemia da Covid avanza. Os escenarios cambian. A Axencia de Seguridade Sanitaria do Reino Unido vén de publicar un informe que analiza cara onde pode evolucionar. Ofrece catro marcos posíbeis a medio e longo prazo: o primeiro asume unha nova vaga de contaxios o próximo inverno menos grave que a actual, ligada á duración da inmunidade, á eficacia das vacinas e ao impacto controlado de novas variantes. O segundo asume unha gravidade similar, de acordo cun escape inmune maior e unha menor eficacia dos tratamentos dispoñíbeis. Os dous últimos apuntan unha repercusión maior do virus, máis pesimista. Nestes supostos entrarían en xogo unha deficiente xeneralización das vacinas e variantes cun alto escape inmune, ademais da ausencia de restricións.

Augas residuais e centros sentinela para vixiar a Covid 

Se coa sexta vaga decae o reconto diario de positivos urxe un novo sistema de vixilancia capaz de medir e anticipar medidas de control sobre o SARS-CoV-2. Unha das alternativas é unha rede sentinela como a que existe para a gripe, centros de referencia ─hospitais e de Atención Primaria─, que reportan os casos detectados e permiten extrapolar a incidencia ao resto da poboación.  "Pode ser unha boa idea sen perder de vista que temos outras ferramentas epidemiolóxicas moi válidas", precisa López Romalde en referencia á vixilancia en augas residuais. "Está dando resultados moi bos para avaliar e predicir entre 7 e 10 días cambios de tendencia na poboación. No Estado hai un programa que implica máis de 40 estacións ─que inclúe as de Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo─. Ademais, é unha boa ferramenta para a detección de novas variantes", conclúe.