A Covid-19 repunta na Galiza: 669 persoas hospitalizadas e incidencia disparada entre maiores de 60 anos

Hai case 15.000 galegas e galegos infectados. (Foto: Nós Diario)
"Os datos nunca deixaron de ser preocupantes", alerta o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que apela ao "sentido común" para evitar a propagación do coronavirus.

A chegada do verán veu da man na Galiza dunha considerábel repunta dos contaxios de Covid-19, que deixan rexistros históricos. Así, a incidencia acumulada para as persoas maiores de 60 anos —grupo no que se centra a nova estratexia estatal de control e seguimento— é de 1.126 positivos por cada 100.000 habitantes —de 60 anos ou máis—, por riba da media estatal, que fica en 996.

A incidencia é de 1.126 contaxios por cada 100.000 persoas maiores de 60 anos

En total son 14.982 as persoas infectadas na actualidade, das que 26 están na UCI e 643 ingresadas noutros niveis hospitalarios. En consecuencia, a taxa de ocupación de camas de hospital por mor da Covid-19 medra no país até 23 por cada 100.000 habitantes.

Até o 29 de xuño faleceron na Galiza diagnosticadas desta doenza 3.587 persoas, 27 delas na última semana. A taxa de mortalidade desde o inicio da pandemia sitúase en 2,1 mortes por cada centenar de contaxios.

Precisamente, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, alertou esta sexta feira desta "repunta" de contaxios de Covid-19 na Galiza e apelou a aplicar o "sentido común" para evitar contaxios.

Nunha visita a Malpica, dixo que os datos nunca deixaron de ser "preocupantes". A respecto diso, apuntou que hai "un número bastante estábel de pacientes ingresados" e que a cifra, desde o pasado 6 de xaneiro, está na contorna dos 600 pacientes ingresados en planta convencional.

"E arredor de 20 ou 30 pacientes na UCI", precisou. Sobre estes datos asegurou que son "un bo sinal", aínda que admitiu a existencia dunha "pequena repunta nos ingresos, mais non na UCI", na última semana. "Sobre todo en planta", subliñou.

Ao fío diso, sinalou que "estes días" foron "2.500 casos positivos declarados", un dato que, admitiu, "preocupa". Por iso, apelou a tomar medidas cando se teñan síntomas e manter as precaucións.

Preguntado sobre a que se debe o incremento de casos, vencellouno coa existencia de "moitos eventos". "Festas de fin de curso, San Xoán, unha maior mobilidade...", citou. A iso sumou unha variante con "maior transmisibilidade".