A Covid-19 remite na Galiza: menos de cen novos contaxios

Test da Covid-19. (Foto: Nós Diario)
Nos hospitais da Galiza quedan só tres pacientes ingresados na UCI.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza baixan este sábado até os 1.368, con 47 infeccións activas menos que nas últimas 24 horas, cando se rexistraba un leve incremento. Descenden tamén os hospitalizados, 125 en planta (-9), mais tres en UCI (+1).

Así, segundo a actualización da Consellaría de Sanidade publicado este sábado, con datos solicitados até as 18 horas da sexta feira, contabilizáronse 95 novos contaxios, 43 menos que na última xornada. En total, 675.716 persoas contraeron a Covid-19 desde o inicio da pandemia.

Por outra parte, outros 670.560 galegos e galegas superaron a enfermidade, 140 máis nesta xornada, mentres faleceron 3.896. Após varios días sen notificar falecementos, Sanidade informou de dous óbitos, ambas as dúas pacientes con patoloxías previas.

O 8 de setembro rexistrábase a morte dunha muller de 85 anos na área de Lugo e, xa o 9 de setembro, outra muller de 62 anos na área de Ourense.

A área da Coruña-Cee, á cabeza

Por áreas sanitarias, en relación aos casos activos, a baixada é xeneralizada. Na área da Coruña-Cee son 249 os casos activos (-7); na de Vigo, 210 (-1); en Ourense-Verín-O Barco, 301 (-4); en Pontevedra-O Salnés, 134 (-5); en Ferrol, 104 (-8); en Santiago-O Barbanza, 200 (-21); e en Lugo-A Mariña-Monforte, 168 (-1).

A respecto dos novos contaxios, lidera a relación o distrito sanitario de Ourense, con 24 casos. Por detrás sitúanse o de Vigo, con 17; A Coruña e Pontevedra, ambos os dous con 15; Santiago, con 14; Lugo, 9; e Ferrol, 1.

E no que atinxe ás hospitalizacións, na Coruña continúan 30 persoas ingresadas en unidades convencionais (sen cambios) e hai un hospitalizado en UCI (+1). En Lugo, continúa unha persona en críticos, mentres que outras 13 están en planta (-1); e na de Santiago, unha persona continúa hospitalizada en críticos, mentres que outras 11 permanecen en unidades convencionais (-7).

Na área sanitaria de Ourense rexístranse 24 pacientes hospitalizados (+1) e continúan sen ingresados en UCI. O mesmo ocorre en Vigo, que continúa sen críticos e con 15 pacientes en planta (-1); en Ferrol, tamén sen hospitalizados en coidados intensivos e con 12 ingresados en unidades convencionais (sen cambios); e en Pontevedra, sen ingresados en UCI e 20 en planta (-1).