A Covid-19 non remata cunha proba PCR negativa

Pacientes ingresados na UCI teñen un maior risco de secuelas (Europa Press)

Unha PCR negativa, despois dun diagnóstico positivo polo novo coronavirus, indica que o axente que provocou a enfermidade desapareceu. O virus xa non está, pero para as e os pacientes máis graves, a doenza segue presente. Profesionais médicos de distintas áreas vixían as secuelas da Covid-19.

Unha PCR negativa fai mudar a denominación dos casos diagnosticados de Covid-19. Confirma a desaparición do virus e converte os casos activos en casos curados. Mais a saúde das persoas doentes nin recoñece nin responde a un salto tan radical. Algunhas manteñen o soporte respiratorio, outras tratan de recuperar masa muscular e mobilidade, en moitas persiste a inflamación e requiren tratamento.

Despois da Covid-19, o estudo e o seguimento das persoas infectadas polo SARS-CoV-2 continúa nos hospitais, coa mirada posta nas secuelas e nos coidados derivados das primeiras evidencias. "Certezas aínda temos poucas", apunta Pedro J. Marcos, pneumólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). "As que temos son as que nos chegan do traballo previo desenvolvido na China. Aí só fan referencia a problemas a curto prazo, mais é posíbel que a medio e longo prazo cheguemos a ver máis complicacións".

Xa pasou con outras enfermidades mediáticas, a mediados dos anos 80, explica José Luis Jiménez, médico internista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e portavoz da Sociedade Galega de Medicina Interna. "Estou pensando, por exemplo, nas persoas afectadas polo aceite de colza. Moitos pacientes quedaron con secuelas despois dun proceso agudo. Polo tanto, creo que é pertinente ter isto en conta, sobre todo porque xa temos doentes cunha síndrome poscovid que hai que vixiar e tratar, co coñecemento actual e co que vai xurdindo".

Unidades poscovid

Neste sentido, comezan a formarse unidades poscovid que se encargan de avaliar todas as persoas que estiveron ingresadas. "Son unidades de valoración que buscan avaliar os órganos diana, sobre todo os pulmóns, pero tamén o corazón ou os riles, para empezar a definir cales son as secuelas desta doenza", sinala Jiménez. E son, ademais, unidades que "non só pretenden ser asistenciais senón que asumen un labor de investigación fundamental co fin de saber que pasa, adquirir experiencia e coñecemento sobre algo que é absolutamente novo".

Están integradas por facultativas especialistas de diversas áreas que durante estes meses traballaron con pacientes Covid. O importante, engade Pedro J. Marcos, é "ir definindo profesionais de referencia nas distintas especialidades a respecto da Covid-19".

Secuelas respitarorias

Desde o punto de vista respiratorio, 80% dos casos positivos por coronavirus desenvolveron  patoloxías leves e non precisaron ingreso hospitalario. "É de esperar que a curto e medio prazo non presenten máis complicacións, pero non sabemos que efecto vai ter o paso do tempo nin como se vai ver alterada a resposta inmune", advirte Marcos. 

"Dentro do grupo de doentes máis graves, un 5% acabou na UCI e o resto cursaron pneumonías significativas que requiriron ingreso hospitalario. Hai que ver como impactaron esas pneumonías nos pulmóns das doentes. Moitas desenvolveron un dano alveolar difuso moi forte, cunha inflamación grave dos pulmóns. E aquí, contamos coa experiencia previa de pneumonías que non teñen que ver coa Covid-19 nas que os pulmóns reaccionaron intentando arranxar o dano e produciron fibrose", confirma o pneumólogo. Este un dos supostos que trata de valorar agora o colectivo médico no caso das pacientes Covid: se os pulmóns desenvolveron fibrose, canta, e con que afectación á súa función respiratoria.

"Tamén sabemos que outros virus afectan un pouco os bronquios e poden deixar certo compoñente de hiperreactividade bronquial, unha afectación moi parecida á asma, que fai que se contraian e se fechen provocando unha crise de fatiga. Temos que ver se a medio prazo isto pode xerar algún tipo de problema", engade Pedro J. Marcos.

As e os profesionais sanitarios traballan cun plan de seguimento no que advirten a necesidade de realizar procedementos avanzados para controlar a función respiratoria, mediante espirometrías especiais e radiografías de control, "que estamos facendo ás oito e ás doce semanas da alta hospitalaria, co fin de determinar cal pode ser o índice de fibrose, solicitar un TAC pulmonar, confirmar de que tipo é e progresar no estudo".

Risco de embolia pulmonar

Outro dos riscos, apunta o internista José Luis Jiménez, é a aparición de embolias pulmonares, "relacionadas cun problema de exceso de coagulación detectado xa en pacientes ingresados na UCI con episodios agudos". Agora están vendo que se poden repetir durante a fase de recuperación. Así, "a medio prazo debemos estar pendentes da aparición de calquera problema de obstrución arterial que xere un aumento da presión das arterias do pulmón", engade Pedro J. Marcos, "que se coñece co nome de hipertensión pulmonar". O que é seguro, conclúe o portavoz da Sogami, "é que esta enfermidade non se acaba cunha PCR negativa, en absoluto".

Recuperación física, cognitiva e psicolóxica

Internistas e pneumólogas asumiron a maior parte dos casos de Covid-19 máis aló das Unidades de Coidados Intensivos. Agora coordinan un seguimento eficaz para a súa recuperación en contacto con outras especialistas que atendan posíbeis consecuencias neurolóxicas e psicolóxicas, ademais doutras alteracións físicas.

"Moitas das doentes que conseguiron saír da UCI fano con soporte respiratorio, conectadas a unha máquina a través do pescozo, dunha traqueotomía. Necesitan traballar coas fisioterapeutas respiratorias, gañar mobilidade e masa muscular, porque saen moi débiles", explica Pedro J. Marcos.

Co tempo, prescindirán do ventilador para volver respirar por si mesmas. Mellorar a súa función pulmonar é un dos obxectivos ao igual que a recuperación cognitiva e psicolóxica, que poida requirir un ingreso prolongado na UCI.