Covid-19: Máis positivos, pero sen mortes, e con cero casos nas residencias de maiores

Unha muller camiña perto das inmediacións da residencia xeriátrica das Gándaras, en Lugo (Carlos Castro / Europa Press)
A presión hospitalaria aumentou en Galiza ao incrementarse en nove as persoas con Covid-19 ingresadas até sumar 192. Nas UCI hai 30 doentes, un menos que hai 24 horas.

A presión hospitalaria aumentou en Galiza ao incrementarse en nove as persoas con Covid-19 ingresadas até sumar 192, en tanto que os casos activos da enfermidade continúan á alza por décima xornada consecutiva tras elevarse en 103 até alcanzar os 2.693.

Segundo os datos difundidos este domingo, 18 de abril, pola Consellaría de Sanidade, hai 162 persoas ingresadas en unidades convencionais (+10), aínda que as que se atopan en UCI diminúen en unha ao pasar de 31 a 30 na última xornada. Así, os hospitalizados ascenden en cinco das sete áreas sanitarias, mentres as de Ourense-Verín-O Barco e Lugo-A Mariña-Monforte non experimentan mudanzas respecto ao día anterior.

En concreto, a área sanitaria da Coruña e Cee presenta 62 ingresados (+2), dos que oito están en coidados intensivos (sen cambios). En Vigo, obsérvase unha tendencia similar, xa que soben en dous os hospitalizados até 36, dos que catro se atopan en UCI (-1).

En Santiago e Barbanza, as persoas con Covid-19 que permanecen no hospital sitúanse en 25 (+1) e catro delas atópanse en unidades de críticos (+1). Na área de Pontevedra e O Salnés tamén soben os ingresados até alcanzar os 31 (+6), dos cales cinco están en coidados intensivos (+3).

Pola contra, en Ourense, Verín e O Barco non se experimentan cambios ao manterse en 20 o número de hospitalizados, seis destes en UCI. Tamén se manteñen en 10 os ingresados en Lugo, A Mariña e Monforte, dos que tres se atopan en UCI. Pola súa banda, Ferrol, con oito hospitalizados (+2), segue como a única área coas UCI libres de Covid-19.

Máis casos activos

A respecto dos casos activos, Galiza finaliza a primeira fin de semana coa ampliación do horario nos restaurantes cun aumento por décima xornada consecutiva ao situarse en 2.693, o que supón 103 máis que a xornada anterior.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben na maior parte: en Vigo, increméntanse até os 706 pacientes (+51); na Coruña, soben a 673 (+45); en Pontevedra e O Salnés, a 428 (+11); en Lugo, A Mariña e Monforte, a 192 (+3); e en Ferrol sitúanse en 106 (+5). Con todo, en Ourense, Verín e O Barco baixan a 220 (-4) e en Santiago-Barbanza redúcense a 368 (-8).

Novos contaxios

Os novos contaxios detectados nun só día por calquera tipo de proba baixaron até os 188 ─173 confirmados con PCR─, o que significa unha caída de seis con respecto aos deste sábado. Das novas infeccións rexistradas, máis da metade repártense entre as áreas da Coruña e Cee (50) e Vigo (70). Tamén se confirmaron 28 casos na área de Pontevedra, 16 na de Santiago, 13 na de Lugo, seis na de Ourense e outros seis na de Ferrol.

Xa que logo, os contaxiados de Covid-19 no país desde o inicio da pandemia elévanse a 119.865. Destes, 29.051 corresponden á área sanitaria da Coruña; 22.941, á de Vigo; 18.904, á de Santiago; 15.104, á de Ourense; 13.236, á de Pontevedra; 12.268, á de Lugo; e 8.361, á de Ferrol.

En total, en Galiza realizáronse 1.955.198 PCR desde o inicio da pandemia, que supón 6.106 probas feitas nas últimas 24 horas ─unha suba de 299 con respecto ás realizadas o día anterior─.

Así mesmo, a taxa de positividade experimentou unha nova suba até 3,5%, tras se manter arredor de 2% nos últimos días e ascender até o 3,1% na última xornada. En todo caso, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Falecidos e curados

Desde o inicio da pandemia faleceron en Galiza 2.371 contaxiados, un número que non sufriu variacións nos últimos días ao non se notificar novas mortes de persoas con Covid-19 desde a pasada cuarta feira.

Ademais, até a data curáronse do coronavirus en toda Galiza 114.823 pacientes, o que supón que 85 persoas recibiron a alta nas últimas 24 horas.

Residencias de maiores

Outro dato positivo é que as residencias do país continúan libres de contaxios por terceira xornada consecutiva. É a segunda vez na pandemia sen casos positivos: a anterior foi en xullo de 2020. Segundo informaron este domingo as consellerías de Política Social e Sanidade, non hai ningún caso nin en residencias de maiores nin en centros de discapacidade.

Esta situación prodúcese despois de que, durante a terceira vaga do coronavirus, as residencias galegas rexistrasen un pico de 466 usuarios infectados. Isto aconteceu o 24 de xaneiro, un día antes de cumprirse os sete días necesarios desde a administración da segunda dose da vacina para xerar inmunidade, dado que este proceso arrincou de forma xeneralizada o 18 de xaneiro.

Desde o día 25, e aínda malia algúns brotes, as residencias de maiores galegas foron experimentando un progresivo descenso na cifra de usuarios afectados. Así, o 27 de xaneiro, un mes despois do inicio da vacinación no país, eran 445 os usuarios positivos, en tanto que o 27 de febreiro a cifra situábase nos 50. Agora, xa non hai contaxios.