A Covid-19 leva á UCI seis pacientes máis nas últimas 24 horas

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Europa Press).

Aínda que descendeu o número de persoas ingresadas en hospitais da Galiza por Covid-19, aumentaron as enfermas e enfermos que teñen que ser hospitalizadas en unidades de coidados intensivos (UCI).

Os pacientes con coronavirus Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza descenderon por segundo día consecutivo en 14 até os 590, dos cales 96 permanecen en Unidade de Coidados Intensivos -seis máis con respecto á quinta feira-.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade na súa páxina web con cifras até as 18 horas da quinta feira, nos que se constata que 494 pacientes con Covid atópanse en unidades de hospitalización convencionais -20 menos que na quinta feira- e 96 en UCI -seis máis-.

As persoas ingresadas con coronavirus descenden nas áreas sanitarias de Ourense, Vigo, A Coruña e Cee, Lugo e Pontevedra e O Salnés; mentres que permanecen sen cambios na de Santiago e Barbanza e aumentan na de Ferrol.

En concreto, na área de Vigo descenden a 93 as persoas ingresadas con Covid, catro menos, delas 23 en UCI -unha máis- e 70 noutras unidades -cinco menos-.

Tamén se reducen os pacientes con Covid na área da Coruña e Cee, que pasa a ter 143, catro menos, deles 24 en UCI -un máis- e 119 noutras unidades -cinco menos-.

Na área de Ourense baixan a 90 as persoas con coronavirus ingresadas, dúas menos, delas 16 en UCI -unha máis- e 74 noutras unidades -tres menos-.

Así mesmo, descenderon a 83 os pacientes con Covid hospitalizados na área de Pontevedra e O Salnés -tres menos- deles cinco en UCI -sen cambios- e 78 noutras unidades -tres menos-.

E baixan a 53 as persoas con Covid ingresadas na área de Lugo -cinco menos-, delas seis en UCI -tres máis- e 47 noutras unidades -oito menos.

Mantéñense sen cambios os ingresados na área de Santiago e Barbanza, con 14 persoas en unidade de críticos e 54 noutras.

Pola súa banda, na área de Ferrol as persoas hospitalizadas aumentaron a 60, o que supón catro máis, delas oito en UCI -sen cambios- e 52 noutras unidades -catro máis-.