Covid-19: Galiza supera os 10.000 casos activos por primeira vez en cinco meses

Varias persoas nunha terraza de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Repuntan as hospitalizacións por riba do centenar, con 100 doentes en planta e 22 na UCI.

Os casos activos da Covid-19 dispáranse por riba dos 10.000 por primeira vez nos últimos cinco meses. Así se desprende do último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas do sábado.

Na Galiza hai nestes intres 10.363 persoas infectadas (946 máis que na xornada anterior), ao tempo que os novos contaxios caen levemente a 1.170 (-168).

A área sanitaria de Vigo concentra a meirande parte dos casos activos, 2.319 (+189), seguida de Ourense-Verín-O Barco, con 1.948 (+170); Pontevedra-O Salnés, con 1.797 (+88); A Coruña-Cee, con 1.730 (+213); Compostela-O Barbanza, con 1.251 (+114); Lugo-A Mariña-Monforte, con 936 (+139), e Ferrol, á cola con 382 (+33).

Aliás, a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) fica en 9,1%, por riba do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a transmisión vírica.

Non se notificaron novos pasamentos, polo que a cifra desde o inicio da pandemia é de 2.442 óbitos.

Así as cousas, soben de forma significativa as hospitalizacións, cun total de 100 doentes internados en planta (+21) e outros 22 na UCI (+2).

No tocante ás residencias de maiores, seguen infectadas 22 persoas residentes, sete no centro de Campolongo (Pontevedra) e outras 15 na residencia de gravemente afectados Valverde, en Allariz.