COVID-19: Galiza aproxímase aos 3 mil positivos e rexistra 65 mortes

Probas de detección de coronavirus nos coches (Imaxe: Europa Press)

Os últimos datos fornecidos pola Consellaría de Sanidade indican que hai 2.925 casos de coronavirus, dos cales 122 permanecen en UCI, 707 en unidades de hospitalización e 2.096 en domicilios. Rexistráronse 153 altas e 65 falecementos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 2.925, un 11,3% máis que onte. Deles 639 correspóndense coa área da Coruña, 244 coa de Lugo, 415 coa de Ourense, 324 coa de Pontevedra, 681 coa área de Vigo, 480 coa de Santiago, e 142 coa de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 122 permanecen en UCI, 707 están en unidades de hospitalización e 2.096 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 153 altas de pacientes e 65 falecementos.

En canto ao número de probas PCR que detectan coronavirus, realizáronse 14.440.

A Consellaría de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

O Estado español alcanza o máximo de falecementos diarios

Os casos de coronavirus a nivel estatal elévanse a 78.797, o que supón 6.549 máis que onte, segundo as últimas cifras publicadas polo Ministerio de Sanidade este domingo. Ademais, curáronse 14.709 pacientes (2.424 máis que o sábado), mentres que 4.907 (332 máis) necesitaron de ingresos en unidades de coidados intensivos (UCI).

Os territorios cunha maior incidencia acumulada nos últimos 14 días son A Rioxa, Madrid, Nafarroa e Castela A Mancha.

En Europa, até hoxe confirmáronse cando menos 349.409 casos. Os países con máis casos notificados son Italia, o Estado español, Alemaña e Francia. O Estado cun maior número de falecementos é Italia (10.023) seguido do español (6.528) e Francia (2.314).

A nivel global até o día de hoxe notificáronse cando menos 575.444 casos e 28.087 mortes. Os Estados de fóra de Europa que rexistraron máis casos son os Estados Unidos, a China, o Irán e Corea do Sur.