Covid-19: continúan a aumentar os casos activos, contaxios e presión hospitalaria

Profesionais do Sergas en Ourense realizan tests serolóxicos no marco dun cribado masivo a todo o persoal sanitario (Foto: Europa Press)

Nas últimas horas houbo 719 infeccións confirmadas por PCR.

Suma e segue. Os dados non convidan ao optimismo sobre a evolución da pandemia na Galiza. Estase a pagar a factura das festas de Nadal, coa relaxación de restricións e medidas aprobadas polas diferentes administracións e que, agora, os seus propios responsábeis semellan negar calquera responsabilidade nas mesmas.

O número de casos activos camiña cara aos 9.000. Son actualmente 8.810, o que supón 560 máis dos rexistrados na xornada de onte. A maior suba dede outubro.

Tamén aumentan os contaxios. Nas últimas 24 horas houbo 719 infeccións confirmadas por PCR, unha cifra superior en case cen casos á que se rexistrara esta segunda feira.

A taxa de positividade das  PCR realizadas  disparouse até o 12,6%, cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca no 5% o limiar para dar por controlada a pandemia.

E a tendencia de ingresos hospitalarios tampouco convida ao optimismo. Nas unidades de coidados intensivos hai 70 ingresados, 1 persoa menos que no día anterior, mais en planta hai 421, o que supón 24 pacientes máis.

O número de falecidos é de 1.462 após se confirmar nas últimas horas a morte de 12 persoas pola Covid, a metade delas correspondentes á fin de semana e que nun principio non se atribuíran ao virus. Cinco deses 12 falecidos estaban en residencias de persoas maiores.

A incidencia acumulada na Galiza a 14 días é de 306, por riba dos 250 a partir do cal se establece como ‘nivel de risco máximo’.