A Covid-19 causa catro novas mortes e mantén 3.847 casos activos na Galiza

A residencia do Incio é un dos lugares máis afectados polos contaxios (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellería de Sanidade explicou esta cuarta feira, na súa habitual actualización diaria, que a maioría das e dos doentes están localizados na área sanitaria da Coruña e Cee, máis elévanse moito as cifras nas de Lugo e Compostela. Xa hai 648 mortes vinculadas ao coronavirus desde que comezou a pandemia. Casi 300 das vítimas vivían en residencias.

Galiza xa rexistra 3.847 casos positivos e activos pola Covid-19 neste momento. É dicir, volveu darse unha suba desde a actualización desta terza feira, neste caso de 105 contaxios.

A dirección xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade explicou hoxe que 1.387 das e dos pacientes están na área sanitaria da Coruña e Cee, mentres que outros 786 pertencen á de Lugo. Na demarcación de Santiago xa hai 644 positivos.

As outras catro áreas sanitarias detectan a cidadás afectadas, se ben as cifras globais son moito máis baixas. En concreto, en Ourense hai noticia de 362 positivos, en Vigo fálase de 269 e en Pontevedra de 250. No caso de Ferrol, os casos están en 149.

Sanidade indica que esta cuarta feira hai 14 pacientes na UCI, 156 baixo control sanitario nas unidades de hospitalización e outras 3.677 galegas e galegos gardando corentena nas súas casas co seguimento dos facultativos de Atención Primaria.

Catro novas vítimas

Nas últimas 24 horas notificáronse catro novas mortes vinculadas ao coronavirus, dúas delas de residentes no centro de maiores do Incio que foi un gran foco de contaxio e expansión da enfermidade. As vítimas, de 94 e 86 anos, estaban sendo atendidas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

En total, as mortes por esta pandemia na Galiza xa alcanzaron as 648, pois onte tamén perderon a vida un home de 84 anos ingresado no hospital lucense e outro de 82 anos que permanecía no Complexo Hospitalario Cniversitario da Coruña (Chuac). Sempre atendendo a fontes de Sanidade, todas as persoas tiñan patoloxías previas.

Do total de 648 perdas humanas desde que comezou a alarma sanitaria preto de 300 foron de persoas maiores vinculadas con centros residenciais. En concreto, 135 morreron nas propias instalacións e outras 150 en hospitais ou residencias integradas. Entre o persoal destes espazos hai unha fonda preocupación.