A Covid-19 afecta a 381 persoas usuarias de residencias após 72 altas e tres mortes

Persoal sanitario fecha a porta dunha ambulancia. (Foto: Europa Press)
Dous centros de Pontedeume suman 48 curacións, mentres o complexo Doral Residencias de Mos se mantén como principal foco.

As persoas usuarias de residencias da Galiza diagnosticadas con Covid-19 rexistran unha baixada neste domingo, tras a alta de 72 delas, 38 delas no centro Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume.

Ademais, na tarde do sábado Sanidade notificaba o falecemento en hospitais doutras tres residentes en xeriátricos.

Outras 10 persoas foron dadas de alta na residencia As Fragas, tamén en Boqueixón; e 12 en DomusVi Ribadumia.

Tamén saen do cómputo cinco usuarias da polémica residencia de Salvaterra do Miño, tres da DomusVi Coruña e o único que quedaba enfermo na residencia de Viana do Bolo, mentres se retira un falso positivo do centro Lecer dos Avoíños, en Coles, por "un erro informático".

Incorpóranse pola contra á lista tres usuarias de Santa Olalla de Boqueixón, un do xeriátrico de Caranza-Ferrol y outro da residencia de Monforte.

Mos, principal foco

A residencia Doral de Mos mantense como a máis afectada, cun total de 92 contaxios de usuarios, seguidas dos 55 de DomusVi Ribadumia e dos 41 de Ballesol de Vigo.

Tamén contan con grandes grupos de internos infectados a residencia de Salvaterra do Miño (26), a San Cibrao de Cervo (23), a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás (18), a Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (19), a DomusVi Coruña (16), a residencia Santa Olalla de Boqueixón (13) e a San Salvador de Guntín (11).

Persoal traballador

Nas últimas 24 horas descendeu o cómputo total de diagnosticados de coronavirus entre o persoal traballador, até 267. O centro Doral Residencias de Mos e Nosa Señora dos Milagres de Babardás, con 36 positivos ambas as dúas, son os principais focos de coronavirus entre os cadros de persoal. 

Centros de discapacidade

Os centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) mantéñense en 46 usuarios infectados. En concreto, 17 se corresponden ao complexo de Doral Residencias de Mos; 15 ao San Vicente de Paúl de Lugo e 14 a DomusVi Bóveda.