A ‘’covarde e vergoñenta’’ visita de Feijóo ao Hospital da Costa

Hospital

O presidente da Xunta entrou por unha porta secundaria do complexo hospitalario da Mariña, afirma a CIG, para así evitar os protestos do persoal e da veciñanza.

 

Núñez Feijóo desprazouse esta cuarta feira á comarca da Mariña para visitar o Hospital da Costa e anunciar a súa ampliación. Mais a visita foi, segundo o sindicato CIG Saúde desa comarca, “covarde e vergoñenta” pois o presidente optou por entrar, afirman, pola porta de servizo para así non ter que escoitar a traballadores e veciños concentrados “para pedir a súa dimisión e protestar polo decreto de xestión provincial imposto no 2013 que significou a  expropiación da xestión  dos recursos sanitarios do centro hospitalario da Mariña”.

A federación da saúde, ademais, denuncia “medidas de presión ditadas por Feijóo intentando quitarlles a faixa e os carteis de protesta e impedindo a entrada ao salón de actos a determinadas traballadoras e traballadores”.

Solucións e non “demagoxia”

O sindicato sostén que o que precisa e demandan profesionais e veciñanza para a sanidade a da comarca é un decreto de xestión integrada propio “para xestionar atención primaria e especializada, un modelo que aposte polo crecemento do Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental recortar servizos sanitarios públicos para converter este hospital nun ambulatorio grande, deteriorar os centros de saúde e, alimentar o negocio da sanidade privada". "Mentres iso non se cumpra”, asevera, “todo o que se anuncie é demagoxia".

Fotos: Xoán Estúa e CIG-Mariña