A Cova do Rei Cintolo, un capítulo da espeleoloxía en Galiza

Fotografía tomada no interior da cova

“Abarca una extensión de 150m, en dirección perpendicular a la base de la ladera en que tiene la entrada y al curso del riachuelo que por allí al pie del monte se desliza; ensanchándose en algunos parajes hasta 10m con una altura considerable, y estrechándose en otros hasta hacer difícil el paso de una sola persona…”

 

Así comezaba o historiador José Villamil y Castro alá por mediados do século XIX a descrición da Cova do Rei Cintolo. Foi esta a primeira incursión documentada na Gran Cova Galega. A exploración de Villamil serviu para describir o que hoxe coñecemos como Galería Principal, que é na que o Concello de Mondoñedo -en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía- realiza visitas guiadas: rutas nas que os visitantes teñen a posibilidade de repetir o camiño que realizou Villamil en 1867 nesa primeira entrada, salvando as distancias de equipación, claro. Houbo que agardar case noventa anos para ver a seguinte expedición con resultados importantes. Proposta por tres mindonienses: José María González-Redondo Maseda, seu irmán Víctor e Andrés García Castro; e organizada polo club vigués Montañeiros Celtas, esta expedición tivo lugar no ano 1954 descubrindo novos pasos e zonas da cova que deixaron pequena a incursión de Villamil. Despois virían as exploracións dos anos setenta da Universidade Laboral da Coruña e do Grupo Burgalés Edelweiss cos que a cova alcanzaría os 6,5 km de desenrolo oficiais.  Despois seguirían exploracións mais separadas e diversos estudos de diversos eidos (paleoclimatolóxicos, biolóxicos,…). Nun destes estudos atopouse  o Iberobathaynella Ortiz, crustáceo endémico das covas mindonienses, atopado por Eugenio Ortiz no ano 1969 e descrito pola doutora do CSIC Ana Camacho no ano 1989.

 

Falta unha topografía completa do que hai a día de hoxe explorado, falta un traballo de limpeza nalgunha zona da cova onde se pode atopar desde pequenos troncos até restos de carburo das antigas iluminacións

 

Moito choveu e moitos clubs, espeleólogos e estudosos pasaron polas galerías de Cintolo desde aquela entrada histórica de Villamil. Hoxe a Cova segue dando algunha que outra sorpresa e espeleólogos mindonienses veñen de descubrir unha galería superior á principal, da cal se presentou topografía no Campamento Galego de Espeleoloxía de 2017 en Vilalba. Sen embargo e a pesar de que a Cova, salvo excepcións coma a anterior, xa non é punta de lanza da exploración espeleolóxica galega, mantense no maxín do colectivo espeleolóxico galego como cavidade “imprescindible” de coñecer, convertendo a Mondoñedo na Capital da Espeleoloxía Galega, feito que vén de apuntalarse coa nova coñecida recentemente de que todo o fondo histórico e documental da Federación Española de Espeleoloxía se depositará na Cidade de Cunqueiro. Ademais é a cavidade de cabeceira nos cursos de formación que imparte a Escola Galega de Espeleoloxía, dirixida nos últimos anos por María Luísa Barros Rodríguez, nun traballo incansable de iniciación e formación continua nas actividades vinculadas a espeleoloxía.

 

Pero isto non significa que non queden traballos pendentes: falta unha topografía completa do que hai a día de hoxe explorado, falta un traballo de limpeza nalgunha zona da cova onde se pode atopar desde pequenos troncos até restos de carburo das antigas iluminacións e sobre todo falta que as galegas e galegos coñezan este recuncho de Galiza de forma directa ou indirecta, pois é o seu patrimonio e a mellor maneira de protexelo é o seu coñecemento.

 

Gonzalo Villarmea é membro da directiva da Federación Galega de Espeleoloxía