‘Cousa de Raíces’ inicia a recollida de sinaturas da ILP contra a eucaliptización

Plantación eucaliptos acto simbólico 21 abril 2017

Representantes das organizacións promotoras da ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”, anunciaron o inicio da campaña de recollida de sinaturas, que se prorrogará até o vindeiro mes de marzo. Como obxectivo márcanse conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha Iniciativa Lexislativa Popular.

 

O eucalipto, afirman, espallouse até atinxir máis de medio millón de hectáreas –17% do territorio galego-. “Pero non o fixo soa. A colonización dos nosos montes viu auspiciada por unhas políticas planificadas e perversas de abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, até o de agora para abastecer a ENCE mais, a partir de agora, tamén para alimentar as plantas de biomasa”.

 

Fins Eirexas (Adega); Manuel Dacal (Fruga) e Susana Méndez, (CIG)  compareceron en nome das máis de 60 organizacións que conforman a rede “Cousa de Raíces”, impulsora da ILP que pretende “virar 180º as políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural”.

 

Para as organizacións promotoras da ILP estamos diante dunha situación que cómpre reverter por distintos motivos, desde os incendios até a aposta na superficie agraria útil. Segundo datos oficiais, os últimos indicadores publicados no recente inquérito de estruturas de explotacións agrarias constatan que entre 2013 e 2016 desapareceron arredor de 3.400 explotacións e que se perderon, en superficie agraria útil, 34.000 hectáreas.

 

Moratoria do eucalipto

 

Entre outros obxectivos, con esta ILP preténdese conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto. Ademais demándase que se elimine dos espazos protexidos, Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico.

 

Con todo, a ILP vai máis alá do Plan Forestal, que atinxe só á xestión dos montes, porque pretende unha nova xestión do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a protección da biodiversidade de hábitats e especies; medidas valentes para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo que se elabore un catálogo de frondosas, pendente desde 1992, porque, sen isto, non se pode planificar.