O Courel afronta as facturas que a Xunta prometera asumir

Os fogos de Carballeda de Valdeorras arrasaron 10.500 hectáreas. (Foto: Europa Press)
O Estado autoriza axudas para Vilariño de Conso e Carballeda.

O Goberno español autorizou onte os investimentos para restaurar zonas afectadas polos incendios en Vilariño de Conso e Valdeorras. Así o decidiu o Consello de Ministros que autorizou un investimento de 1,5 millóns de euros para os lugares máis prexudicados polos fogos no País Valencià, a Galiza e Canarias, e protexer os solos. 

Porén, os concellos galegos máis afectados polo lume, como Folgoso do Courel, por exemplo, onde se queimaron máis de 11.000 hectáreas, aínda non recibiron as axudas estatais pola declaración de zona catastrófica nin as subvencións que prometera a Xunta. "Non só non chegan as axudas senón que acabamos de aprobar en pleno un suplemento de crédito municipal para pagar as facturas que a Xunta se comprometera a asumir", sostén Óscar Carrete, portavoz da formación municipal Courel Vivo.

As actuacións do Executivo estatal, que se acometerán nun prazo máximo de seis meses, son necesarias dado que non transcorreu o tempo suficiente entre o sinistro e a temporada de outono como para que a vexetación puidese recuperarse por si mesma, polo que poden verse acelerados os proceso erosivos de tormentas, xerando o arrastre de cinzas e sólidos e incluso movementos en masa se ocorresen fortes chuvias nos próximos meses. 

En declaracións recollidas por Nós Diario, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero (PSdeG), e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo (BNG), mostraban a súa preocupación pola chegada das chuvias e as escorreduras que puidesen provocar.

Axudas a concellos galegos

A Galiza recibirá un orzamento máximo de 399.244,49 euros para os concellos de Vilariño de Conso (case 7.000 hectáreas queimadas) e Carballeda de Valdeorras (10.500 hectáreas). O prazo de execución é de seis meses, o mínimo imprescindíbel para levalas a cabo, tendo en conta a estacionalidade dos traballos de campo e o clima.