Couchsurfing, Postcrossing: algunhas maneiras de partillar experiencias nun click

A Internet abre múltiples posibilidades e xera novas formas e soportes para se relacionar. Mais tamén racha coas barreiras físicas e xeográficas e mesmo permite viaxar sen erguerse do sofá

 

Con pouco máis de dúas décadas de vida, a Internet mudou en grande medida a forma en que as novas xeracións se expresan, comunican ou mesmo interactúan. Ao longo destes anos foron diversos os proxectos xerados ao abeiro da rede que procuran novas fórmulas para partillar experiencias. Eis algúns dos proxectos desenvolvidos na maré dixital.

Couchsurfing: partillar viaxes desde o sofá
Couchsurfing é unha rede social. Unha comunidade de máis de 6 millóns de almas que conecta máis de 100 mil cidades en todo o mundo. Creada no 2003 a partir da idea xerada por un grupo de estudantes de Islandia, dá a posibilidade de viaxar de balde a través dun peculiar servizo de aloxamento. O sofá. 

O nome significa de maneira literal "ir de sofá en sofá" e é que a rede permite partillar --de maneira gratuíta-- morada, mais tamén experiencias culturais. O obxectivo deste portal web non é procurar aloxamento gratuíto senón fomentar o intercambio de coñecemento, formas de vida, costumes, historias... 

Neste senso, unha vez rexistrado o enderezo, anfritrión e visitante deben combinar unha outra forma de coñecer a vila ou cidade para alén da clásica guía turística. Trátase de coñecer un territorio desde a perspectiva dun(ha) cidadá(n) e non como un simple turista. 

En 2012 a páxina web rexistrou máis dun millón de utentes en mais de 180 países e territorios. Couchsurfing ofrece diversos dispositivos de seguridade para garantir a integridade d@s viaxeir@s, alén dun foro onde aquelas persoas que gozaron da experiencia intertrocan as súas impresións. 

Postcrossing: a volta ao mundo nunha caixa de correo postal

Esta iniciativa --que nace en 2005 da man dun portugués, Paulo Magalhães-- constitúe un proxecto en rede para partillar postais. 

Logo da práctica desaparición do correo postal, aínda hai quen gosta de recibir correspondencia pola vía convencional e mesmo conservar as tradicionais estampas das  vilas e cidades que visita. Para @s nostálxic@s daquel tempo que (non) sempre foi mellor, esta páxina web ofrece a posibilidade de enviar --e receber-- postais desde calquera parte do mundo tan só rexistrándose como utente e introducindo un enderezo postal, que ficará protexido. 

Após inscribirse como usuari@, a aplicación outorgaranos un destino e inmediatamente asignará o novo enderezo a unha outra persoa. Até 5 postais poden viaxar de maneira simultánea a calquera enderezo convertendo a caixa de correo "nun pequeno caixote de sorpresas", como aseguran na propia web. 

Na actualidade o proxecto conta con membros en máis de 190 países e rexistra un fluxo de máis de 8 millóns de postais ao ano.