Galiza suma 6 bandeiras negras pola contaminación e mala xestión da súa costa

Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

Ence, mina de San Finx ou as verteduras en Burela figuran no informe presentado por Ecolioxistas en Acción.

Desde hai 16 anos Ecoloxistas en Acción presenta anualmente un informe no que toma o pulso á saúde do ecosistema litoral do estado español e no que a través da concesión de ‘bandeiras negras’ e ‘puntos negros’ quer advertir sobre as zonas máis agredidas do litoral.

No seu informe de 2020, presentado esta terza feira, Ecoloxistas sitúa na Galiza seis desas ‘bandeiras negras’. Tres delas por mala xestión no litoral e outras tantas por mor da contaminación. Algunhas delas acompañan os informes e denuncias dos colectivos ambientalistas desde hai anos.

As ‘bandeiras negras’ por mala xestión corresponden ao recheo do Porto de Vigo, á Praia da Virxe do Camiño (Muros) e ao proxecto de construción dun espigón en Foz, na Mariña, que afecta espazos da Rede Natura. 

As ´bandeiras negras’ por contaminación son para as verteduras sen control en Burela, a Factoría de ENCE (Pontevedra) e as Minas de San Fins, en Lousame.

San Fins

“Nas Minas de San Fins, os labores subterráneos da concesionaria, Tungsten San Finx S.L. pertencente ao grupo Sacyr, provocan drenaxes acedas de mina, debido ás infiltracións de auga en contacto con quilómetros de galerías. Estas augas residuais industriais mineiras de baixo pH favorecen a disolución de metais pesados. Nas Minas de San Fins, as drenaxes presentan altos niveis de cadmio, cobre e cinc. Especialmente preocupantes son as concentracións de Cadmio, definido como substancia perigosa prioritaria”

Praia Virxe do camiño, Muros

“Por mala xestión, xa que exemplifica o problema das verteduras de augas residuais ao medio mariño que obrigan ao peche de praias. Durante 5 anos, a praia obtivo unha cualificación insuficiente por non cumprir os valores establecidos para cualificar a unha praia con calidade apta para o baño, ano tras anos repetíronse as analíticas dando como resultado que a praia presenta contaminación fecal, e constátase que non se realizou ningunha mellora na zona por parte das autoridades competentes para solucionalo e que acabaron coa decisión de pechar a praia para o baño ao finalizar a tempada de verán do 2019”.

ENCE

“ A fábrica de pasta de papel que ENCE posúe na Ría de Pontevedra, verte ás augas da ría ao redor de 35.000 m3 de augas que, segundo as analíticas das inspeccións que realiza a Xunta de Galicia, conteñen elevados niveis de materia orgánica e, frecuentemente, unha elevada carga de microorganismos fecais”.

Recheos na Ría de Vigo. Porto de Vigo

“ A  Autoridade Portuaria de Vigo pretende ampliar considerablemente a superficie portuaria mediante a execución de recheos de máis de 200.000 m2 sobre a lámina de auga da Ría, argumentando unha suposta necesidade de maior superficie de almacenamento de mercadorías, liña e calado de atracada para os buques de transporte de vehículos ou de mercadorías en xeral polo sistema Ro- Ro. Estas obras que implican un alto risco de contaminación, por terras, así como modificacións da hidrodinámica da Ría que afecta os bancos marisqueiros, pesqueiros, parques de bateas, praias e a zonas protexidas, enseada de San Simón, Costa da Vela ou Parque Nacional Illas Atlánticas, causando un dano irreversíbel á natureza”.

Verteduras de augas residuais, Burela

“Hai anos que o sistema de tratamento de augas residuais é deficiente no concello de Burela, o que carrexa continuas verteduras de augas fecais sen tratamento adecuado ao medio mariño, coa grave degradación ambiental que isto carrexa . Tanto o goberno local como o autonómico levan tempo anunciando a ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), sen que se chegue a concretar esta actuación.”

Praia de Altar, Foz

“A execución do proxecto de estabilización da praia de Altar, no seu conxunto coa dragaxe e a construción dun espigón, vai realizar nunha contorna que forma parte dunha Zona de Especial Conservación ( ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) da Rede Natura 2000, que traerá consecuencias impredicíbeis nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerábeis”.