A costa galega continúa este sábado en aviso laranxa polo temporal

As precipitacións manteranse durante toda a xornada de hoxe (M. Dylan / Europa Press)

A borrasca tamén mantén en alerta amarela a zona das montañas orientais e todas as comarcas interiores do sur do país.

Toda a costa galega continuará este sábado, 23 de xaneiro, en aviso laranxa por un temporal que tamén manterá en alerta a zona das montañas orientais e todas as comarcas interiores do sur do país.

Nestas zonas do interior o aviso será amarelo e estará activado tamén en terra da Mariña ante a previsión de ventos de máis de 70 quilómetros por hora.

Nas comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e A Paradanta a alerta fai referencia ás precipitacións, que poderían superar os 40 litros por metro cadrado.

Na costa o aviso será laranxa por ventos de forza 8 e mar combinada con ondas que eran de máis de 5 metros até as 9 horas deste sábado.

Segundo a última información facilitada por Meteogalicia, agárdase que o temporal amaine, aínda que o aviso non pasará de laranxa a amarelo até as 18 horas, cando se estima que a borrasca deixaría de afectar o territorio galego.

Ademais, a cota de neve foi ascendendo desde os 1.400 metros das primeiras horas do día, tendencia que se agarda que continúe.

As temperaturas non experimentarán cambios significativos, con lixeiros ascensos das máximas, e os ventos soprarán fortes de compoñente oeste.