Peregrina Quintela, matemática: "Custa crer que o Mestrado en Matemáticas se feche este ano"
— Que supón o Premio ao Liderado Cívico 2025?
Foi unha ledicia porque é un premio que non é só no ámbito das matemáticas, inclúe as ciencias fundamentais, física e química, e ademais da produtividade investigadora impulsa outras vías de avance no ámbito da transferencia de coñecemento. É un premio que agradecín moito.
— En relación á especialización na transferencia á industria, como melloran as matemáticas os procesos de produción?
Falando de proxectos nos que traballei recentemente, na produción de aluminio, para optimizar o consumo de enerxía en cubas de aluminio. Algo que na Galiza se coñece ben pola fábrica de Alcoa en San Cibrao, unha das grandes consumidoras de enerxía.
Outro proxecto foi para monitorizar a produción de aceiro en altos fornos, en Arcelor, Asturias. Unha modelización térmica do canal de vertedura do aceiro e unha reprodución das paredes para relaxar as tensións.
— En que outros ámbitos da sociedade é importante a transferencia do coñecemento?
Estes días estamos vivindo, aquí na Galiza, unha experiencia con drons, para intentar detectar rápidamente os puntos de inicio dun fogo, e que dalgunha forma sexa máis doado o seu apagado. Fíxose un traballo enorme para intentar utilizar ferramentas de análise de datos e de IA, para optimizar as rutas do persoal de terra, para que as rutas das aeronaves non interfiran unhas coas outras, para intentar buscar cal é a mellor forma de adiantarse aos cambios de ventos etc.
Mais tamén no ámbito das finanzas, na predición do clima, dos ventos locais ou da contaminación... As matemáticas están detrás de cada decisión que temos que tomar na nosa vida.
— Como percibe a situación actual das mulleres na ciencia?
Avanzouse moito. Tiven moita sorte, non vivín nin a nivel familiar nin profesional situacións nas que, por ser muller, fose negada. O problema é que non hai unha verdadeira conciliación que permita a homes e a mulleres desenvolver o seu traballo tendo fillos que atender.
— A USC recorreu na Secretaría Xeral de Universidades a decisión da Xunta da Galiza de non impartir o Mestrado en Matemáticas o curso que vén, decisión, a do Goberno galego, que causou críticas na comunidade educativa. Que consecuencias tería a cancelación?
En primeiro lugar, espero que sexa só unha cancelación dun ano, porque un novo proxecto xa está depositado desde hai tempo na Secretaría Xeral de Universidades.
A historia ensínanos moito e deberíamos de vez en cando botarlle unha ollada: Hai uns anos estaba na mesma situación o Grao de Matemáticas e, coa súa boa situación e o seu avance no último ano, que a única carreira de Matemáticas que hai na Galiza se fechase tería sido un erro enorme.
Se se observa a calidade dos demandantes e a situación das persoas que pasaron polo mestrado e non se pensa só no número de estudantes, costa crer que se feche este ano.