"Cos podcasts están agromando moitas iniciativas"

Enya Antelo
A Xanela é un medio audiovisual impulsado por seis mozas, que nace coa vontade de crear un espazo para partillar ideas e inquedanzas persoais e no que crecer en conxunto. Veñen de inaugurar A Xanela Podcast, un novo programa no que se abordan temáticas que van desde o movemento trans na Galiza até o ecoloxismo ou a economía. Conversamos con Enya Antelo, unha das creadoras, para coñecer máis en profundidade que hai detrás de A Xanela Audiovisual. 

Que inquedanzas as levaron a crear A Xanela?

A Xanela cando xorde é un pouco coa idea e a necesidade de crearmos un espazo que fose plural e crítico, que se definise por conxugar ideas e ópticas diversas, mais sempre marcadas pola existencia dunha reflexión crítica, aínda que sen esquecer nin deixar de lado unha serie de requisitos imprescindíbeis, que recollemos no noso código ético. Entón, a nosa idea era, por un lado, ter un sitio onde desenvolvernos nós mesmas a nivel académico e laboral, e tamén onde outras persoas partillen estas mesmas inquedanzas.

Tratamos os temas que máis nos interesan a cada unha de nós, imos traballando a medida que temos tempo dispoñíbel, á parte dos nosos estudos e dos nosos traballos. Somos un proxecto autofinanciado e asumimos todos os custos desde un principio.

Veñen de lanzar un novo programa, A Xanela Podcast. Por que botar man deste formato?

O audiovisual, ao ser autofinanciadas, fáisenos complexo. As creadoras somos seis, mais estamos ligadas ao ámbito das ciencias sociais, non estamos formadas a nivel de imaxe e son, aínda que si contamos con compañeiras que nos axudan neste aspecto.

Á parte disto, algunhas das compas consumimos moita radio e programas de podcast habitualmente, así que xa tiñamos na cabeza a intención de explorar ese formato. O realmente importante, e que nos lanzou a facelo, é que, hoxe por hoxe, resúltanos moi complicado mercar determinadas cousas, como poden ser micros, cámaras... Son unha serie de trabas que están aí.

É certo que hai institucións que nos prestan este material, como a Universidade de Santiago de Compostela ou a Escola de Imaxe e Son, O Raio Verde (Santiago de Compostela). Mais os préstamos teñen uns prazos moi curtos e non sempre é doado adaptarse (cuestións relacionadas cos nosos horarios, cos das persoas entrevistadas, os desprazamentos). Valoramos máis en profundidade o formato, e, xusto agora que estamos confinadas, pensamos que era o momento. A verdade é que foi unha idea extraordinaria, reducimos custos e aumentamos capacidade de traballo e de produción.

Ecoloxismo, o movemento trans galego e a crise económica son as temáticas que xa desenvolveron nos podcasts polo momento

Os temas que tratamos sempre teñen que ver con inquedanzas persoais. As seis persoas que formamos A Xanela somos tamén moi diferentes e intentamos que ademais sexan temáticas actuais porque queremos que sirvan para algo, que teñan saída real. Por exemplo, a entrevista sobre o movemento trans galego con Daniela Ferrández (Presidenta de Amizando) e Cris Palacios (de Arelas) xurdiu porque Daniela é compañeira miña de doutoramento, e tirei do fío... Andrea, outra integrante, é moi activa no tema do ecoloxismo e, desa inquedanza, naceu o podcast coa entrevista a Juantxo López de Uralde. O de economía tamén está moi á orde do día, por iso nos decidimos a falar con Stuart Medina. Cos podcasts estamos todas emocionadísimas, están agromando moitas iniciativas.

A min encántame o formato dos podcasts, podes escoitalos cando queiras e dan moitas facilidades. Estamos en Podgalego, unha plataforma que recolle un montón de programas, un espazo que é para cubrir e visibilizar, porque alí atópanse iniciativas moi boas e na nosa lingua. Hai contidos interesantísimos, é algo moi fácil de consumir e, para traballar coa rapazada, tamén se pode botar man.