Máis

Cos pés na terra: o Cabo Ortegal e as Montañas do Courel, así son os xeoparques galegos

Os cantís de Loiba, en Ortegal, ofrecen vistas á ría de Ortigueira, unha das denominadas rías altas. (Foto: Nós Diario).
A Galiza conta na actualidade con dous espazos declarados como Xeoparques Mundiais. Un recoñecemento que demostra o valor histórico e patrimonial do cabo Ortegal e das Montañas do Courel. A relación entre as persoas e a natureza ou a posibilidade de comprender a creación dos continentes dotan de especial interese estes dous territorios rochosos do país.

Desde o ano 2015 a Unesco (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) concede a distinción de Xeoparque do Mundo, unha denominación que pon en valor os territorios cun patrimonio xeográfico de interese e que procura conseguir o desenvolvemento baseado na promoción turística. Así, un dos obxectivos da Unesco é fomentar conciencia arredor dalgúns dos problemas aos que se enfronta a sociedade, como é o caso da sobreexplotación dos recursos. Da mesma forma, os xeoparques axudan a promover  empresas innovadoras e postos de traballo ao mesmo tempo que se favorece o turismo sostíbel. Todo isto a través dunha denominación que conta cunha vixencia de catro anos renovábel.

Na Galiza existen dous espazos catalogados como Xeoparques Mundiais da Unesco, o Xeoparque Montañas do Courel, consolidado en 2019, e o do Cabo Ortegal, incluído na listaxe no ano 2023.

O Cabo Ortegal

No concello de Cariño (comarca de Ortegal) as rochas do Cabo Ortegal baten escarpadas contra o mar. Entre a punta dos Aguillóns, onde se sitúa o faro Ortegal, e a punta do Limo, na que a fervenza homónima chega ao mar, o Cabo Ortegal consolídase como un dos últimos xeoparques incluídos na listaxe. Xosé Regueira, deputado de Turismo na Deputación da Coruña, afirma en declaracións a Nós Diario que, cun patrimonio xeolóxico "indiscutíbel", o que conseguiu asegurar a declaración de xeoparque foi "ter un territorio composto de pequenos concellos aínda moi auténticos e cunha sociedade moi viva que precisaba de revulsivos económicos", salientando que "os certificadores Unesco que se achegaron a descubrir un espazo xeolóxico, atopáronse un territorio humano e paisaxístico".

No interior destes cantís agóchanse formacións rochosas que emerxeron da terra hai máis de 400 millóns de anos, ofrecendo mostras da colisión que provocou a orixe de Panxea, o supercontinente que conformaba orixinalmente a Terra. Cos cantís marítimos máis altos da Europa Continental, este patrimonio resultou propicio para a minaría de cobre, orixinado a partir da actividade térmica do fondo mariño onde as chemineas volcánicas liberaron gases e minerais que arrefriaron no contacto coa auga.

Así mesmo, praias únicas con area negra de orixe non volcánico; como a de  Teixidelo, acumulacións de minerais no interior das covas ou estalactitas e estalagmitas verdes e azuis son algunhas das particularidades que configuran un enclave que se ten considerado como a barreira entre o Atlántico e o mar Cantábrico. Así, Regueira asegura que "onde hai un selo Unesco hai un interese global que ten que servir para que se converta en interese local e todo se vaia retroalimentando", procurando un  perfil turístico moi esixente que saiba coidar o territorio.

Montañas do Courel

A estreita relación entre a xeoloxía e as persoas foi unha das cuestións que lle granxeou ao Courel conseguir esta distinción. Neste sentido, destaca o pregamento de Campodola-Leixazós, unha deformación das rochas que está recoñecida desde 1983 como Punto de Interese Xeolóxico Internacional. Este patrimonio natural permite observar como foi evolucionando o interior da codia terrestre nos últimos 500 millóns de anos.

A deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García, asegura en declaracións a Nós Diario que, aproximándose o momento de renovar a distinción, as Montañas do Courel son "máis que merecedoras deste recoñecemento", salientando a actuación doutras figuras de protección no territorio, como a de Zona de Especial Conservación Ancares-Courel.

Así, o xeoparque Montañas do Courel esténdese por 21.020 hectáreas, considerándose un dos solos máis antigos da península. Neste espazo no que se mestura o bosque atlántico e o mediterráneo, profundos vales e cumes que superan os 1.500 metros resultan fogar dunha gran variedade de flora e fauna. Especialmente salientábel é o paso dos romanos para a extracción de ouro. Algunhas das minas nas que traballaron son aínda visíbeis  na actualidade, como é o caso da do Covallón.

Con todo, Pilar García asegura que "a importancia do xeoparque radica na protección do territorio e na posta en valor deste espazo para ter un recurso económico", argumentando a importancia desta distinción para o fomento do rural e asegurando que "o xeoparque, a través do turismo sostíbel, pode ofrecer unha oportunidade de vida".