Aberto o prazo de solicitude

A Coruña pon en marcha a renda social municipal

Esta sexta feira abriuse o prazo para solicitar a renda social municipal, unha axuda económica periódica impulsada polo Concello da Coruña que está destinada ás persoas en situación de vulnerabilidade social e que non perciban outras prestacións como a Risga. Explicamos os pasos para a solicitar.

A renda social municipal era unha das 25 medidas que a Marea Atlántica se comprometera a aprobar nos seus primeiros 99 días de Goberno. Pasaron xa case 500 días desde que Xulio Ferreiro tomou posesión do cargo como alcalde da Coruña e é hoxe cando se abre o prazo para solicitar a prestación, dirixida ás persoas en situación de vulnerabilidade social, residentes na cidade e que non cobren prestacións como a Risga nin pensións non contributivas.

A axuda cobre as necesidades máis básicas das persoas beneficiarias, como poden ser o aloxamento e a comida

A axuda impulsada polo Goberno municipal está destinada a cubrir as necesidades máis básicas das persoas beneficiarias, como poden ser o aloxamento e a comida. Aliás, ten como obxectivo a recuperación da súa autonomía vital.

En que consiste?

Unha soa persoa pode cobrar até 523,51 euros

Para se beneficiaren da prestación, as persoas usuarias están obrigadas a seguiren uns itinerarios personalizados, como os de formación sociolaboral. A contía máxima da axuda, que se poderá percibir durante un máximo de 18 meses, será o cento por cento do IPREM (532,51 euros) para unidades de convivencia dun único membro e aumenta en 20 puntos porcentuais por convivinte adicional até un máximo do 200% do IPREM.

Estar empadroados na cidade desde hai cando menos seis meses, ser maiores de 18 anos, atoparse nunha situación de vulnerabilidade social e colaborar nos itinerarios de inclusión social que tutelarán traballadoras sociais do Concello son os principais requirimentos para acceder á renda. As persoas que conten con familiares que estean en condicións de lles prestar axuda económica serán excluídas, así como as que cobren unha prestación da natureza da Risga.

A ordenanza recolle excepcións aos requirimentos, como é o caso das vítimas de violencia machista, que poderán acceder ao programa sen ter que levaren seis meses empadroadas no concello en caso de que residan na Coruña por un cambio de domicilio derivado da súa situación.

O Goberno municipal calcula que se poderán beneficiar perto de mil familias

O Goberno municipal reserva este ano para a renda un total de 2,1 millóns de euros e calcula que poderán beneficiarse dela perto de mil familias.

Resgatar a xente

A principal finalidade da renda municipal é, segundo fontes municipais, “resgatar a xente”. “Entendemos que a pobreza non é unha cuestión individual, senón de vergoña colectiva”, ten sinalado a edila de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. Cando a ordenanza que regula a renda foi aprobada, o alcalde, Xulio Ferreiro, declarou estar “plenamente satisfeito”. Apuntara en alusión á implicación dos grupos municipais do PSOE e do BNG que “cando hai persoas con ganas de traballar e lle botan horas as cousas funcionan”.

A normativa inclúe as persoas inmigrantes en situación irregular

O proxecto definitivo da renda social municipal recibiu o visto e prace no mes de agosto grazas aos votos favorábeis do PSOE e do BNG. O PP, pola súa banda, abstívose. Previamente, no mes de xuño, a Corporación aprobara de maneira inicial a normativa, un trámite que permitiu incorporar melloras no proceso de alegacións.

Unha das alegacións incorporadas polo Goberno municipal ten a ver coas persoas imigrantes en situación irregular, unha das principais reivindicacións en que fixera fincapé o BNG a través da nacionalista Avia Veira. E é que o Goberno encabezado por Xulio Ferreiro incluíra no articulado da normativa o requirimento de residencia legal para as persoas beneficiarias. Suprimiuse ese artigo após unha análise dos servizos xurídicos do concello.