A Coruña, Santiago e Vigo superan o límite de emisións de partículas contaminantes

Ecologistas en Acción estudou os niveis diarios desas partículas nas cidades do Estado entre 18 e 24 de febreiro e pide que se fixen restricións temporais ao tráfico motorizado cando se dean este tipo de situacións.

Unha semana de anticiclón e o habitual alto volume de tráfico motorizado combináronse estes días coa chegada de pó africano na fachada oeste ibérica (de Huelva a Galiza) para provocar que se disparasen os niveis de partículas no aire urbano en moitas cidades do Estado español, entre elas tamén as galegas.

 

Así o indican desde Ecologistas en Acción (EA), que sitúa tres urbes de Galiza: A Coruña, Santiago e Vigo, entre as que superaron o valor límite diario de partículas contaminantes PM10, establecido pola normativa en 50 microgramos por metro cúbico. EA estudou os niveis diarios desas partículas nas cidades do Estado entre 18 e 24 de febreiro. En varias destas cidades, ademais, os niveis de partículas finas (PM2,5) tamén foron moi altos. “A situación máis grave dáse nas cidades que acumulan xa máis de tres días consecutivos por riba do límite legal”, indica esta organización, citando as da Coruña e Compostela.

 

A contaminación atmosférica por partículas foi responsábel en 2015 de case 28.000 mortes prematuras no Estado español, segundo o último informe sobre a calidade do aire publicado pola Axencia Europea de Medio Ambiente, citando estudos da Organización Mundial de la Salud (OMS).

 

Ecologistas en Acción pide que se estendan a todas as áreas urbanas afectadas as medidas de redución do tráfico motorizado, convidándoas a seguir exemplo das adoptadas polas autoridades de Asturies e Valladolid.