A Coruña revólvese contra a corrupción

Os dados feitos públicos co levantamento parcial do segredo de sumario da Operación Pokemon apuntan directamente ao goberno municipal de Carlos Negreira (PP).

 

A ramificación da Operación Pokemon na Coruña --bautizada pola xustiza como Pikachu-- está a sacar as cores do goberno local. O tenente de alcalde, Julio Flórez (PP) e o concelleiro socialista, José Nogueira, aparecen no sumario como imputados por presuntos delitos de corrupción vinculados á empresa Vendex, concesionaria de diversos servizos públicos na cidade, entre eles, a O.R.A. 

Neste senso, diversas son as formacións políticas que exixiron no pleno municipal a demisión destas dúas persoas pola súa suposta implicación na concesión de contratos públicos. Porén, nen PP nen PSOE queren asumir responsabilidades políticas e rexeitan a saída dos dous imputados. 

Perante esta situación, distintas organizacións políticas, sociais, sindicais e colectivos da cidade herculina convocaron mobilizacións para exixiren a demisión do goberno de Carlos Negreira e a disolución da corporación municipal. Este é o caso da Asemblea contra a corrupción da Coruña que desenvolveu unha cocentración na céntrica praza de María Pita o 4 de abril para reclamaren a convocatoria de eleccións municipais e a rescisión dos contratos asinados co grupo Vendex.  

No caso Pikachu están imputados o tenente de alcalde, Júlio Florez (PP) e o concelleiro do PSdeG-PSOE, José Nogueira, ningún presentará a demisión

Desde a Asemblea denuncian que os casos de corrupción investigados pola Pokemon --e que atinxen os concellos de Compostela, Lugo, Coruña e Ourense-- "non pode ser necesariamente a consecuencia dunha má xestión" senón "unha eiva inherente ao sistema capitalista que precisa dar con novos nichos de negocio para aumentar os seus gaños". Así explican no manifesto ao que deron leitura ao remate da concentración, o "aumento xeralizado e continuado" de casos como a Pokemon-Pikachu "entre os partidos do réxime". 

Exixen a demisión do goberno local e a disolución da corporación municipal

Razón pola que empresas como Vendex, afirman, son concesionarias de "contratos públicos para a xestión de equipamentos e servizos que supoñen", sinalan, "un volume de negocio impresionante" e que "se traducen en moitos millóns de euros das arcas públicas que acaban nas contas desas empresas". Por esta razón, reclaman non só a demisión da actual equipa de goberno e a disolución da corporación municipal, senón tamén a devolución do carácter público aos servizos que foron entregados a Vendez como o mantemento dos parques e xardíns, o Ágora, o Aquarium Finisterrae ou a Casa da Auga. 

De igual maneira, o día 5 de abril unha outra manifestación percorreu as rúas da cidade da Coruña desde o Obelisco para denunciar a corrupción política e pular polo ""desartellamento dun facer social inxusto e falto de equidade". O acto, foi convocado polo Movemento de Loita Popular (MLP).