A Coruña reivindicará o dereito a decidir ante os 50 anos da designación do herdeiro de Franco

Francisco Franco con Juan Carlos e Felipe de Borbón

“Galiza pola República e o dereito a decidir” é o lema baixo o que se apresentou a convocatoria de mobilización para o vindeiro 23 de xullo na Coruña impulsada por diversas entidades sociais e políticas do campo do nacionalismo e a esquerda. A data coincide co cincuenta aniversario da designación polo ditador Franco de Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor na xefatura do Estado.

Convocan para o 23 de xullo na Coruña unha mobilización sob o lema “Galiza pola República e o dereito a decidir” cadrando co día en que se fan cincuenta anos do aniversario da designación polo ditador Franco de Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor na xefatura do Estado para que “todo quede atado e ben atado”, como manifestaba o ditador no seu discurso perante as Cortes o 22 de xullo de 1969 e segundo recollen no comunicado da convocatoria da mobilización.

A manifestación que terá lugar no Cantón Grande da Coruña ás 19 horas e que rematará coa lectura colectiva dun manifesto está convocada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Cultural O Facho, o Centro Social Gomes Gaioso, Anova, Bloque Nacionalista Galego, Corrente Vermella, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca e a Confederación Intersindical Galega.

Durante os seus 39 anos de reinado o rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista, sinalan nunha publicación

Para explicar o contexto histórico no que Juan Carlos é proclamado sucesor de Franco na xefatura do Estado e para convocar esa concentración difundirán unha publicación na que lembran que durante os seus 39 anos de reinado o rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista e nas súas manifestacións públicas lexitimaba esa ditadura, segundo denuncian desde Galiza pola República e o dereito a decidir.

Así, sinalan, falaba da “lexitimidade política xurdida o 18 de xullo de 1936”, e manifestaba “respecto e gratitude ao Generalísimo Franco”, rendía “homenaxe á súa memoria”, falaba do “patriotismo” e “cualidades humanas” do ditador, a quen cualificaba como “figura excepcional”, “gran figura da nosa historia”, “exemplo único de amor a España”. Manifestaba tamén segundo recollen na publicación “un gran afecto e admiración” polo ditador, así como “lealdade” a Franco e “fidelidade aos Principios do Movemento Nacional y demais Leis Fundamentais”.

O folleto que empregarán para divulgar a convocatoria recolle, así mesmo, que a monarquía borbónica está agradecida a Franco e a súa familia porque Juan Carlos foi rei pola designación do ditador

O folleto que empregarán para divulgar a convocatoria recolle, así mesmo, que a monarquía borbónica está agradecida a Franco e a súa familia porque Juan Carlos foi rei pola designación do ditador. Por iso o rei Juan Carlos, poucos días despois da morte do ditador, concedía á familia Franco os títulos nobiliarios de Ducado de Franco e Señorío de Meirás, “e fixo todo o posíbel para que os sucesivos gobernos non molestasen a esa familia e conservase, entre outros, o pazo de Meirás e a Casa Cornide, mentres aumentaba o seu patrimonio e facían grandes negocios”, denuncian.

Recollen a frase de Suárez: “Cando a maior parte dos xefes de goberno estranxeiros pedíanme un referendo sobre monarquía ou república, faciamos enquisas e perdiamos”

A publicación tamén recolle que o presidente do goberno de 1977 a 1982, Adolfo Suárez, explicaba nunha entrevista (realizada en 1995, mais que non foi emitida até o 18 e novembro de 2016) por que nunca se convocou un referendo sobre monarquía ou república: “Cando a maior parte dos xefes de goberno estranxeiros pedíanme un referendo sobre monarquía ou república, faciamos enquisas e perdiamos”, recollen.

Nese sentido, no texto que divulgan sinala que precisamente unha enquisa “sobre o sistema preferido para despois de Franco”, recollida no informe de 1970 da Fundación Foessa, daba estes resultados: o 49,4% apostaba pola república e só o 29,8% quería unha monarquía e un 29,8% un sistema “como o actual”. Entre o estudantado o 76% prefería unha república e un 1% a monarquía borbónica. E Adolfo Suárez explicaba que solucionaron o problema metendo “a palabra rei e a palabra monarquía na lei” da Reforma Política de 1976, sometida a referendo o 15 de decembro de 1976. Toda a oposición pediu a abstención nese referendo.

Para a difusión da mobilización haberá unha mesa informativa no Cantón Grande da Coruña o venres, 19 de xullo, de 18 a 21 horas para difundir o folleto e a convocatoria.

Esta plataforma cívica, aberta á participación de persoas e entidades, continuará as súas actividades cunha nova asemblea o 9 de setembro para organizar unha mesa redonda con historiadoras e historiadores e xuristas sobre o tema “Monarquía ou República? Que o pobo decida”. Igualmente, inicia un proceso para a realización nos próximos meses dunha consulta popular en urna en barrios da Coruña e concellos da comarca.