A Coruña e Pontevedra maniféstanse en defensa da sanidade pública

Mobilización contra a privatización da sanidade pública na Coruña (Coordinadora Anti-Privatización).
Ducias de persoas saíron á rúa na Coruña e Pontevedra para protestar pola privatización da sanidade pública e a venda do Hospital Povisa de Vigo.

A Marea Branca contra o desmantelamento da sanidade pública trasladouse este domingo, 17 de novembro, ás rúas da Coruña e Pontevedra para censurar a venda do Hospital Povisa de Vigo a Ribera Salud -da norteamericana Centene Corporation- e defender un sistema sanitario público e de calidade para a cidadanía galega.

Ducias de persoas acompañaron ás representantes da Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública nunha mobilización que se repite cada terceiro domingo de mes e que xa supera o medio cento de convocatorias.

Povisa

Miguel Ángel Jiménez, voceiro da coordinadora, criticou a venda de Povisa á mesma empresa americana que durante dúas décadas xestionou outro hospital en Valencia. “Despois de 20 anos de administración fraudulenta, ineficiente e antieconómica" agora "Feixoo ofrécelles Galiza para continuar co saqueo", afirmou.

As manifestantes condenaron expresamente “a complicidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, neste negocio, e reclamaron "unha Atención Primaria que chegue a todas as galegas e reforce as estruturas existentes até alcanzar 25% dos recursos sanitarios públicos".

Promoción dun modelo público

Canto ao Goberno progresista que acordaron Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, a Coordinadora amosou a súa "prudente satisfacción", e asegura que "permanecerá atenta" para saber se a protección da sanidade pública se cumpre, co fin de recuperar a "universalidade 100%".

Insuficiencias xeralizadas, gastos ineficaces, falta de transparencia, atrasos e sobrecustos son as principais deficiencias dos modelos público-privados.

Neste sentido, lembrou que o Tribunal de Contas Europeo arremete "duramente" -nun documento publicado en marzo de 2018- contra a participación privada en infraestruturas e servizos públicos, ao tempo que recomenda aos países membros da Unión Europea "non promover os modelos público-privados".

Nese informe, destacan desde a Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública, figuran as principais deficiencias deste tipo de servizos: "insuficiencias xeralizadas, gastos ineficaces, falta de transparencia, atrasos e sobrecustos".