A Coruña pon fin ás touradas

A feira de touros da Coruña non contaba nestes anos con afluencia de xente.

O Concello inicia o expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina. Un paso que supón o cumprimento dun dos compromisos electorais da Marea.

A Coruña dá un paso histórico e prepara o camiño para poñer fin ás touradas. O goberno local iniciou o expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina, un evento no albo de non poucas críticas desde hai anos. O Concello coruñés entende que hai razóns de interese público que xustifican a candelación da feira, como evitar o maltrato animal. Mais tamén hai motivos económicos, como apuntou o propio alcalde, Xulio Ferreiro, que sinalou que as toruadas levaban tempo sen ser rentábeis para a cidade e que compensa máis pagar a indemnización por rescindir o contrato coa adxudicataria.

A intención primeira do executivo é chegar a un acordo coa empresa sobre a indemnización económica que recibirá a empresa. Ferreiro calcula que serán uns 10.000 euros, dos 60.000 que supuña para o Concello. A Feira taurina estaba prevista para os días 1 e 2 de agosto, no marco das Festas de María Pita.

Deputacións contra as touradas

Desde Galiza mellor sen touradas (GMST) lembraron o acordo asinado por PSdeG e BNG para a gobernabilidade das deputacións provinciais inclúe un apartado específico onde se se comprometen ambos dous partidos a non subsidiar espectáculos tauromáquicos. "Na práctica isto suporá a eliminación das inxentes transferencias que a Deputación de Pontevedra fixo para mercar entradas, e regalalas posteriormente, por exemplo, pero tamén para colocar publicidade no coso de San Roque, entre outros soportes económicos".

Así @s abolicionistas galegos subliñan que a decisión do Concello da Coruña de rescindir o último ano de concesión que lle restaba á empresa promotora das touradas, e que suporía un desembolso de 100.000€ entre a cesión e adaptación gratuita das instalacións municipais, "pode servir para abrir o debate sobre a posibilidade de iniciar unha Iniciativa Lexislativa Popular, para a que se precisaría un mínimo de 15.000 sinaturas e que trasladaría a abolición ao campo parlamentar".

O Pazo do Hórreo xa tivo que falar de touradas en dúas ocasións na actual lexislatura. Primeiro cunha Proposición de Lei promovida polo BNG e que foi rexeitada cos únicos votos do Partido Popular, no ano 2013 e que supuxo a primeira proposta destas características na historia da cámara galega. Dous anos máis tarde deputadas de AGE voltaban promover o debate, cun idéntico resultado na votación de toma en consideración.