Manuel Monge/Defensa do Común

"A Coruña non ten por que pagar nada por aquilo que sempre foi seu"

A fachada marítima da Coruña foi sempre un espazo público. Sempre. Foino grazas ao impulso do tecido cívico da cidade, que impediu calquera tipo de operación especulativa. A chama continúa acesa, na plataforma que pelexa pola devolución gratuíta dos terrenos portuarios e os solares afectados por Defensa. No Sermos238 falamos cun dos seus integrantes, Manuel Monge. Eis un extracto da conversa.

-A Comisión Aberta en Defensa do Común  acaba de lograr a aprobación dunha moción no pleno do concello para a realización da consulta popular, mais a batalla dista de estar gañada, non? Fai falta aínda a aprobación da convocatoria por maioría absoluta e iso pasa por obter o apoio do PSOE en María Pita.

 -Gañamos a batalla, pero está pendente a guerra. Aprobouse o inicio do proceso e para ese inicio non se precisaba a maioría absoluta no pleno. A moción tiña dous elementos. O primeiro, a convocatoria da consulta popular para que a veciñanza diga se quere a recuperación dos bens afectados (os peiraos do porto, o complexo de A Solana e o Hotel Finisterre, os terrenos do campo de A Estrada) sen pagar ningunha contrapartida económica. E o segundo, o apoio do concello á convocatoria dunha manifestación para o 7 de maio, tamén moi importante. E nese sentido a moción concretaba, falaba de que a Alcaldía publicaría un bando e que o goberno municipal colaborará na difusión da convocatoria da manifestacion para que sexa un éxito. E despois sobre a consulta popular ficou estabelecida unha fórmula en que no mínimo se faga unha pergunta e que nesa pergunta se especifique claramente que estamos pola devolución gratuíta deses espazos públicos.

Para concretar esa pergunta e para a enviar posteriormente á Xunta da Galiza e despois ao goberno central, ese é o proceso, si que se precisaría a maioría absoluta. E a moción esclarece que se tratará de procurar eses apoios para garantir a maioría absoluta na xunta de portavoces do concello. E nesas estamos. O PSOE non votou en contra da moción. Abstívose. Nós consideramos que neste momento está a porta aberta para que se sume a este proceso. Falando con algunhas persoas do PSOE dicíanme que non se pode permitir que se vendese A Solana, senón que debe haber unha devolución gratuíta e concordaban tamén en que ten que haber unha perspectiva tamén para os peiraos que quedan libres de uso para a actividade portuaria e que teñen que ser devoltos para o seu uso como equipamentos públicos.

-Es entón optimista a respeito de que o PSOE acabe por apoiar a convocatoria da consulta popular?

-Si, si, eu penso que se pode acabar sumando perfeitamente. Home, do que non se trata agora é de ir lembrando os antecedentes de cada quen. Cada quen ten a súa historia.

 

[A íntegra da conversa, unha dupla páxina, aparece no número 238 do noso semanario, disponíbel xa nos pontos de venda e na nosa loxa]