ESIXEN A DEVOLUCIóN DE BALDE

A Coruña loce cartaces a prol da devolución dos terreos da Maestranza

Os terreos afectados

A Comisión Aberta en Defensa do Común, constituída para impedir que se consume a pretensión do Ministerio de Defensa de poxar tres parcelas localizadas en Maestranza, iniciou a sexta feira unha colada de cartaces pola devolución de balde destes terreos.

A colada de cartaces complementarase co envío de escritos ao Concello da Coruña, Deputación, Parlamento Galego, Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Universidade, Colexio de Arquitectos, Escola de Arquitectura e Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. Ademais, o vindeiro 31 de marzo terá lugar unha xuntanza aberta a organizacións políticas, sindicais, sociais e culturais para tratar de conseguir a devolución dos terreos da Maestranza á veciñanza da Coruña.

Con estas iniciativas, tal e como recolle nunha nota de prensa, a Comisión Aberta en Defensa do Común denuncia a actitude “especulativa e mercantilista” do Ministerio de Defensa, ao privatizar un espazo público que a día de hoxe é “alleo ás necesidades máis inmediatas do conxunto da poboación coruñesa”.

O 27 de abril terá lugar a poxa

O Ministerio de Defensa estabeleceu o 27 de abril como o día da poxa dos terreos. O día 13, ás 13h, conclúe o prazo para a presentación das ofertas para mercar uns terreos públicos que representaban o sistema defensivo da Praza Forte da Coruña. Nestes terreos comunais do Campo da Estrada ergueuse o sistema defensivo das murallas, logo a Real Maestranza (s. XVIII) e, un século despois, o cuartel de Atocha.

Esta comisión cidadá advirte de que os terreos públicos que van ser vendidos foron “ocupados polas monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e utilizadas en usufruto polo Ministerio da Guerra (hoxe de Defensa)”. Engade que o Ministerio de Defensa leva embolsándose na cidade arredor de 48 millóns de euros.