A Coruña énchese de xente e cor para reivindicar os dereitos do colectivo LGTBI

Concentración desta terza feira na Coruña. (Foto: Europa Press)
Lembranza especial para Samuel Luiz, a días de que se cumpra o primeiro aniversario do seu asasinato.

Varios miles de persoas manifestáronse polas rúas da Coruña con motivo do Día do Orgullo LGTBI. No transcurso da mobilización estivo presente o recordo de Samuel Luiz, o mozo asasinado o 3 de xullo do ano pasado tras unha malleira na zona do paseo marítimo coruñés, así como o doutras vítimas.

Convocada por entidades LGTBI da cidade, decorreu co lema 'Fronte ao odio e a violencia. Visibilidade, Orgullo e Resistencia'. Fíxoo con participación de representantes destas entidades, asociacións feministas, sindicatos e partidos políticos, ademais doutros colectivos.

Na manifestación, que partiu da praza de Ourense con destino María Pita, reclamouse a aprobación a nivel estatal dunha lexislación que garanta os dereitos deste colectivo, especialmente os das persoas trans, non binarias, menores ou refuxiados, entre outros.

Así o expuxo a presidenta de ALAS A Coruña, Ana García, quen insistiu que "fronte ao discurso do odio, a violencia e a discriminación" cara a este colectivo o seu obxectivo é promover a súa "visibilidade". "Reclamando o noso espazo na sociedade", recalcou.

Aprobación da Lei Trans

García destacou a aprobación, en Consello de Ministras e Ministros, da Lei Trans e de Dereitos das persoas LGTBI, aínda que insistiu na necesidade de que se aprobe de maneira definitiva "canto antes" para a súa aplicación.

Así mesmo, pediu que se "prohiban as terapias de conversión", após denunciar que, nalgunhas autonomías "como Madrid", aínda están permitidas unhas prácticas que "destrúen".

"Non nos mires, únete", "Non ten cura a nosa pluma" ou "Patriarcado capital, alianza criminal" foron algúns dos lemas coreados nunha manifestación convocada nun ambiente festivo, con música e bandeiras LGTBI, así como carteis reivindicando os dereitos do colectivo.

"Manifestámonos por ti, Samuel, e por todas as vítimas da LGTBIfobia. Vítimas de insultos, discriminación, malleiras ou acoso", recollía o manifesto lido na praza de María Pita.